8. Tema: Historia actual de América Latina

CLAVES PARA ENTENDER O CONTEXTO ACTUAL EN AMÉRICA LATINA

Descrición:

Este ciclo de cine está composto por catro películas que versan sobre aspectos políticos e sociais claves para comprender a problemática e os retos aos que se enfrontan os países de O salvador, Arxentina, Brasil e Chile. É unha visión de acontecementos reais que sucederon hai ben poucos anos, que marcou a varias xeracións neses países e que é necesario coñecer para ter consciencia da interrelación cos sucesos máis actuais.

Idades recomendadas:

A partir dos 15 anos.

Películas:

Brasil

(2005. 90 minutos)
É unha das economías emerxentes máis interesantes da actualidade e, ao mesmo tempo, un dos países con maiores contrastes sociais e culturais. Este documental analiza Brasil a través das historias dos seus habitantes e dos seus costumes. Dende o inevitable Entroido á danza de capoeira, o programa segue a estela dalgunhas das persoas que fan posible este milagre, xa sexa a bordo dun helicóptero, en pleno Amazonas ou da man dos habitantes das favelas: un mundo de contrastes no que un pode experimentar toda unha vida nun só día.

Chove sobre Santiago

(Helvio Soto. 1976. 112 minutos)
Setembro de 1973. Santiago de Chile está a punto de estoupar nunha guerra sanguenta. Tanques militares, dirixidos polo xeneral Augusto Pinochet, invadirán en breve as rúas da cidade, preparando o terreo para un brutal golpe de estado planeado pola CIA. A película conta os eventos que rodearon a caída do réxime do presidente Salvador Allende, un dos réximes socialistas máis frutíferos das pasadas décadas; unha película apaixonante e emocionante  sobre un Chile loitando pola supervivencia contra as escuras forzas do fascismo.

Memoria do saqueo

(Fernando E. Sólanas. 2003. 118 minutos)
Dende os comezos da ditadura militar, hai xa vintecinco anos, Arxentina e o seu pobo tiveron que enfrontarse a unha das peores crises económicas e sociais vividas xamais por un país en período de paz. Exorbitantes débedas nacionais, un ultraliberalismo desalmado, a desenfreada corrupción política e financeira, y o espolio dos bens públicos. Todo iso, coa axuda das compañías multinacionais occidentais e a complicidade dos organismos internacionais. A política da terra abrasada, representada por tipos como Carlos Menem, conduciu ao país a un incrible cataclismo de fame, enfermidade e sacrificio de vidas humanas: un xenocidio social.

Voces inocentes

(Luis Mandoki. 120 minutos)
Durante a década dos oitenta en El Salvador, as forzas armadas do goberno recrutan nenos de doce anos para loitar contra a guerrilla. A vida de Chava, un neno de once anos, convértese nun xogo de supervivencia, ao ter que combater contra os rebeldes e soportar os efectos desoladores da violencia diaria. Mentres loita por atopar traballo para axudar á súa nai, experimenta o seu primeiro amor cunha compañeira de clase e ve como a súa pequena aldea se transforma nun campo de xogo e de guerra.

 

Actividade complementaria:

Podemos complementar este ciclo coa exposición “A Paz cuestión de Fondo” e a de “Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio”, coas súas respectivas unidades didácticas (só nas dúas últimas), que as fan apropiadas no caso de desenvolver a actividade en centros de ensino.