Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-09-06

‘Vacacións con Traballo 2010’ bota a andar coa estadía dunha psicóloga do Concello de Nigrán no Perú

- A empregada do CIM traballará durante un mes con mulleres das comunidades andinas a través do programa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

- Técnicas e técnicos de Lugo, Verín e Ourense cooperarán tamén con municipios e ONGDs de Nicaragua, Cuba e Cabo Verde

A voluntaria Carolina Iglesias, á dereita, xunto a Rosario Huamán, alcaldesa de Atavillos Alto, e Ángeles Silva, da Executiva do Fondo Galego.O programa de voluntariado en países do Sur ‘Vacacións con Traballo’ inicia a súa quinta edición co envío a Perú dunha empregada do Concello de Nigrán. A psicóloga do Centro de Información á Muller (CIM), Carolina Iglesias, traballará a partir do vindeiro xoves 9 de setembro coas mulleres andinas tras resultar seleccionada para participar nesta iniciativa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Outros catro técnicos e técnicas municipais e provinciais de Lugo, Verín e Ourense viaxarán tamén nos próximos meses a Nicaragua, Cuba e Cabo Verde para colaborar en proxectos de cooperación para o desenvolvemento.

‘Vacacións con Traballo’ dálle ao persoal das Deputacións e Concellos asociados ao Fondo Galego a posibilidade de compartir os seus coñecementos teóricos e prácticos coas entidades de acollida. Contribúese así a acadar unha meirande implicación dos organismos públicos nos proxectos e a mellorar a visibilidade das iniciativas financiadas dende as administracións locais e provinciais de Galicia. No caso de Carolina Iglesias, a entidade parceira do Fondo Galego é  a propia Municipalidade de Atavillos Alto, na provincia de Huaral, rexión de Lima, cuxa alcaldesa visitou Galicia o pasado mes de maio para falar do traballo da asociación galega no país andino.

A psicóloga de Nigrán, que conta cunha ampla formación e experiencia en materia de igualdade, desenvolverá o seu labor en distintas comunidades durante un mes. “Xa hai tempo que quería participar na cooperación internacional, sobre todo na área relacionada co xénero, equidade, sexualidade, etc. e esta pareceume unha oportunidade inmellorable para responder as miñas inquedanzas. Doutra banda, a cultura latinoamericana sempre me chamou poderosamente a atención e o traballo do feminismo alí paréceme moi importante e interesante”. Así describe Carolina Iglesias as súas motivacións para participar en ‘Vacacións con Traballo’.

Esta moza de 32 anos, nada en Vigo, ten claro que “a nivel profesional vai ser unha experiencia moi enriquecedora, xa que me vai permitir analizar outra realidade e comprobar como o xénero e a súa construción son diferentes ao noso contorno cultural; traballarei dende outra perspectiva, así que vou ter que mudar toda unha posición de pensamento”. “A nivel persoal, estou segura de que vai ser unha experiencia vital moi enriquecedora e que vou aprender moito das persoas que alí coñeza”, engade a voluntaria. Docentes, estudantes, familias e mais comuneiras e comuneiros son algúns dos grupos cos que traballará Carolina Iglesias, quen ademais vivirá o proceso das eleccións municipais na zona.

Para as ‘Vacacións con Traballo’ en Nicaragua resultou seleccionado un técnico da Deputación de Lugo, Brais García, que realizará as súas tarefas no Instituto de Promoción Humana (INPRHU), centrado na autoorganización de comunidades locais en prol dun desenvolvemento endóxeno. A técnica do Concello de Verín, Patricia Varela, vai colaborar coa Oficina do Conservador de Santiago de Cuba, institución dedicada á conservación do patrimonio histórico-cultural e monumental da cidade. Pola súa banda, o traballador do Concello de Ourense, Gonzalo Alonso, e a tamén traballadora do Concello da cidade das burgas, Cristina Moreiras, cooperarán coa Associação Nacional de Municípios Cabo-Verdianos, entidade na que se integran os 22 municipios do arquipélago africano.

Aproveitando as posibilidades que brindan as novas tecnoloxías, está previsto que cada un dos participantes no programa ‘Vacacións con Traballo’ vaia relatando a súa estadía nun blog que estará dispoñible a través do web www.fondogalego.org. Ademais, as súas experiencias recolleranse logo nunha publicación. Á volta, os voluntarios impartirán tamén diversas charlas para dar a coñecer de primeira man os proxectos de cooperación ao desenvolvemento en países do Sur nos que participa o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.