Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2012-12-10

10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos

O Fondo Galego vén defendendo con motivo do seu 15º aniversario que os Dereitos Humanos non son unha idea lixo. O 10 de decembro celébrase o Día Internacional dos DDHH, este ano co lema 'A miña voz conta'.

Todas as persoas teñen dereito a faceren oír a súa voz na vida pública e a seren incluídas no proceso de toma de decisións políticas. Neste tema céntrase a celebración en 2012, protagonizada polos dereitos fundamentais á liberdade de opinión e expresión, liberdade de reunión e asociación, e a participar no goberno. A campaña estase a canalizar en boa medida a través das redes sociais, en Twitter co hastag #VoiceCount.

O 10 de decembro conmemórase a aprobación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos pola Asemblea Xeral da ONU en 1948. Nesta ocasión téñense en conta as mobilizacións que nos últimos dous anos veñen producindo cambios no mundo árabe ou o movemento mundial dos indignados e indignadas que protestan pola desigualdade económica, política e social.

O Fondo Galego Cooperación e Solidariedade vén promovendo en Galicia unha cultura de Dereitos Humanos a través das súas múltiples actividades de sensibilización. Hoxe mesmo, o analista do Igadi Roberto Mansilla ofrecerá no Concello de Burela unha Charla contra a Indiferenza para alumnado de diversos institutos, arredor da exposición 'Influír no global desde o local'.

10 de decembro: Día dos Dereitos Humanos