Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2012-05-10

12 de maio: Día Mundial do Comercio Xusto

O  segundo sábado de maio celébrase cada ano o Día Mundial do Comercio Xusto para reivindicar a contribución deste tipo de intercambio á loita contra a pobreza, o cambio climático e a crise económica, cun especial impacto nas poboacións máis vulnerables.

Así o indica a precursora da iniciativa, a Organización Mundial para o Comercio Xusto, que conta co apoio de milleiros de cidadáns, organizacións e institucións de todo o planeta. Arredor desta data estanse a organizar actividades en máis de de setenta países para denunciar as inxustizas do actual sistema de comercio internacional e pór de relevo os beneficios dunha relación comercial alternativa que respecte os Dereitos Humanos.

O Día Mundial do Comercio Xusto conmemórase desde hai unha década, cando naceu a partir do Día das Tendas do Mundo Europeas que os establecementos deste tipo viñan celebrando desde 1996. Tamén en España, onde a Coordinadora Estatal de Comercio Justo integra a trinta organizacións que apostan por esta fórmula para favorecer o desenvolvemento dos pobos.

En Galicia, a ONGD Amarante Setem, parceira desde o 2005 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en materia de sensibilización sobre o comercio xusto, e a compra responsable, convoca este ano canda o Sindicato Labrego Galego a Semana do Comercio Xusto, baixo o lema ‘Café con leite amargo, fronte a PAC, soberanía alimentar e comercio xusto’.

Tamén as entidades integradas na comisión correspondente da Coordinadora Galega de ONGD organizan por primeira vez unha xornada na que participarán ademais cooperativas de produtoras e produtores, de consumo responsable e de banca ética. Porán á venda os seus produtos e organizarán múltiples actividades en cinco cidades galegas.

12 de maio: Día Mundial do Comercio Xusto