Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2012-06-20

20 de xuño: Día das Persoas Refuxiadas

Un total de 3.414 persoas presentaron solicitudes de protección internacional no Estado español durante o ano 2011. España sitúase así no posto número 13 da Unión Europea, moi por debaixo de países como Francia, con 56.250 peticións, ou Italia con 34.100.

Son datos do informe feito público pola Comisión Española de Axuda ao Refuxiado con motivo do Día Internacional das Persoas Refuxiadas, que se celebra o 20 de xuño. A CEAR atribúe estas cifras ás dificultades para acceder ao asilo político en España.

As solicitudes admitidas finalmente a trámite foron 2.712, aínda que só o 9,5% das persoas solicitantes acadaron o estatuto de refuxiada ou refuxiado, mentres que o 17,4% recibiron protección subsidiaria.

O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur) pon de relevo no informe 'Tendencias globais' que en 2011, por quinto ano consecutivo, o número de desprazamentos forzosos en todo o mundo superou os 42 millóns, dos que 15,2 millóns corresponderon a persoas refuxiadas e 895.000 a solicitantes de asilo.

Os países en vías de desenvolvemento recibiron o ano pasado catro quintas partes da poboación refuxiada do mundo. Pakistán é o Estado que acolle máis persoas refuxiadas, seguido de Irán e Siria, mentres que Afganistán é o principal país emisor.

20 de xuño: Día das Persoas Refuxiadas