Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-03-22

22 de marzo: Día Mundial da Auga

Desde hai vinte anos, o 22 de marzo conmemórase o Día Mundial da Auga, unha data fixada polas Nacións Unidas para concienciar sobre a conservación e o desenvolvemento dos recursos hídricos.

Recollida de datos para o plan de xestión da auga en Honduras.A ONU recoñeceu o acceso á auga potable e ao saneamento coma un Dereito Humano e tamén se cita entre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, pero hoxe 783 millóns de persoas non dispoñen de auga limpa e entre seis e oito millóns morren cada ano a consecuencia de desastres e enfermidades relacionadas con esta problemática.

Entre 2005 e 2015 estase a desenvolver o Decenio Internacional para a Acción 'A auga fonte de vida'. O tema elixido este ano para conmemorar o Día Mundial é 'Cooperación na esfera da auga', xa que a boa xestión e a colaboración entre os diferentes grupos de usuarios considérase crucial para a seguridade, a loita contra a pobreza, a xustiza social e a igualdade de xénero. Promóvese así un uso máis eficiente e sostible dos recursos hídricos que se traduce en beneficios mutuos e mellores condicións de vida.

O Fondo Galego de Cooperación está a apoiar na actualidade un proxecto de Enxeñería sen Fronteiras para fortalecer as capacidades de xestión dos recursos hídricos do persoal técnico da municipalidade de Marcovia, onde o parceiro local é a propia Alcaldía da localidade hondureña. Cofinánciase o levantamento de información e mais a capacitación e asistencias técnicas necesarias para elaboración dun plan de xestión na comunidade de Monjarás.

22 de marzo: Día Mundial da Auga