Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-11-25

25 de novembro: A violencia contra as mulleres non é inevitable

O día 25 de novembro, declarado en 1999 Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres,  conmemoramos non só a morte das irmás Mirabal (1960) -tres irmás activistas asasinadas polo réxime do ditador Trujillo, na República Dominicana- senón a loita levada a cabo polas feministas latinoamericanas para que a Organización das Nacións Unidas (ONU) declarase este día como o que hoxe é, como xeito de denunciar a violencia sistemática que sufrimos as mulleres en calquera lugar do mundo.

A violencia machista, aquela que sufrimos as mulleres simplemente polo feito de selo, ten as súas raíces na forma de organización social do patriarcado e está baseada nas diferenzas de poder entre un e outro sexo, xa que o androcentrismo outorga aos varóns un papel preponderante, no que as características que se lle atribúen son positivas e desexables para o xénero humano, e as que lle adxudica ás mulleres son observadas como negativas ou desprezables, e tendentes a manternos nunha posición subordinada con respecto aos homes.

En razón disto, o ano 2010 está a ser especialmente tráxico no Estado español en canto ao que violencia machista se refire. Dende o ano no que se creou o Ministerio de Igualdade (2008), o 2010 sinala un repunte nas cifras de asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas. Ata o de agora, contabilízase un total de 60 mulleres falecidas a causa da violencia machista (dúas delas en Galicia), se ben hai polo menos  outras 10 mortes de mulleres que están a ser investigadas e que poderían sumarse a esta lista. Estas cifras sitúanse entre as máis altas da década.

Sen embargo, a violencia que sufrimos as mulleres e nenas dáse a varios niveis, e non só debe medirse en razón das mortes que se producen ao cabo do ano. Debe terse en conta que a violencia sistemática á que nos vemos sometidas é estrutural, polo que afecta a tódalas esferas da nosa vida, e nos repercute negativamente en tódolos eidos, como no acceso aos recursos, na educación, no traballo, na sanidade, na participación na vida política e cultural, nas decisións que afectan ao noso propio corpo, na nosa mobilidade, etc. Esta violencia orixina que máis do 50% da poboación das nosas vilas e cidades, e do mundo en xeral (que é a conformada pola poboación feminina), vivamos en situación de marxinalidade e discriminación, sen que a día de hoxe vexamos garantidos os nosos dereitos máis fundamentais.

A desigualdade por causa do xénero, e en consecuencia a violencia machista, é padecida a nivel mundial, en tódolos países, independentemente da cultura, relixión ou clases sociais. Este feito constitúese como a principal causa de morte a nivel mundial entre as mulleres de 15 e 44 anos, moi por diante das mortes ocasionadas por enfermidades coma a malaria e o cancro, ou por outras circunstancias coma as guerras ou os accidentes de tráfico, segundo datos recollidos pola OMS (Organización Mundial da Saúde). Este dato é corroborado polo Fondo de Desenvolvemento de Nacións Unidas para a Muller (UNIFEM), que sostén que cada 15 segundos unha muller é agredida.

Esta situación é especialmente dramática nos países empobrecidos ou en vías de desenvolvemento, xa que ás propias desigualdades que sofren de por si as mulleres con respecto aos homes crúzanse con aquelas que veñen determinadas por un contexto de vulnerabilidade económica, social e política. Porén, as mulleres sofren dobre desigualdade polo feito de ser mulleres e pobres, ao que hai que engadirlle unha terceira causa de desigualdade se esta pertence a unha casta baixa, a un grupo étnico minoritario ou é indíxena.

Algúns exemplos reveladores sobre esta desigualdade atopámolos nos seguintes datos: 37 millóns de mulleres “faltan” na India por mor da práctica do infanticidio feminino, do aborto selectivo, ou do asasinato pola dote; dúas mulleres morren diariamente en Guatemala asasinadas por homes do seu entorno; cada dúas horas unha muller é apedrada, apuñalada, estrangulada ou queimada viva; cada ano morren no mundo case medio millón de mulleres como consecuencia do embarazo e o parto; as mulleres somos o 70% dos 1.300 millóns de pobres que hai no mundo e constituímos dúas terceiras partes dos 876 millóns de persoas analfabetas; dun total de 41.845 postos parlamentarios no mundo, só o 14,6% están ocupados por mulleres; o labor non remunerada das mulleres no fogar representa un terzo da produción económica mundial;  as mulleres desempeñamos a meirande parte dos traballos mal pagados e menos protexidos; etc.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aposta polo empoderamento das mulleres como a única vía para acadar o desenvolvemento humano perdurable e, en consecuencia, como vía de consolidación de sociedades máis xustas e igualitarias, xa que a violencia machista non é algo inevitable, senón que forma parte dun constructo social que é preciso reformular. Deste xeito levamos realizados varios proxectos específicos de xénero en Cabo Verde e, máis concretamente nas Cámaras Municipais de Paúl e Praia, a través dos que se conseguiu, por unha banda, incrementar a participación das mulleres nas listas dos partidos políticos para as  eleccións municipais de 2008, e por outra, a elaboración dos Plans de Igualdade e Equidade de Xénero para estes dous concellos, o que implica que para cada acción ou política pública é tida en conta a situación de desigualdade na que nos atopamos as mulleres, se promove a igualdade de xénero a través de accións de discriminación positiva e establecemento de cotas, e se penaliza a violencia de xénero, ademais de ter como obxectivo a sensibilización da cidadanía e a repulsa social cara os malos tratos. O Fondo Galego continúa traballando neste eido, esixindo que tódolos proxectos apoiados teñan en conta a situación de desvantaxe da que partimos as mulleres, promovan o noso empoderamento para ir avanzando cara a equidade de xénero e non perpetúen os roles de xénero, que reproducen esta desigualdade entre ambos sexos.

O que queda claro é que a violencia exercida contra as mulleres é un problema do conxunto da sociedade, mulleres e homes, e neste eido á democracia ten un amplo camiño por percorrer. É preciso que a cidadanía se implique, esixa, denuncie e reivindique, porque a desigualdade, sexa no norte ou no sur, debe formar parte das axendas políticas e sociais de tódolos pobos. É, polo tanto, un traballo de transformación social o que nos agarda, para que o 25 de novembro teñamos que deixar de reivindicar as cifras que nos din onde nos situamos e poidamos simplemente celebrar os logros alcanzados da man da loita feminista.

Pilar Gallego Cid
Membra da Comisión Executiva do Fondo Galego de cooperación e Solidariedade

25 de novembro: A violencia contra as mulleres non é inevitable