Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2011-11-25

25 de novembro: Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

O 25 de novembro de 1960 eran asasinadas tres activistas dominicanas, as irmás Mirabal, por orde do ditador Rafael Leónidas Trujillo. A morte das Bolboretas fixo espertar conciencias e detonaría o posterior axustizamento do tirano.

Monumento ás irmás Mirabal en Santo Domingo.En memoria das irmás replesaliadas pola súa oposición á ditadura, no Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe, celebrado en Bogotá en 1981, acordouse marcar o 25 de novembro como Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres. En 1999, as Nacións Unidas fixaron nesta data o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Aínda que coas súas especificidades, a violencia de xénero é un problema grave tanto no Norte coma no Sur. Desde 1999, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinou preto de medio millón de euros a apoiar una vintena de  proxectos de xénero en Latinoamérica, África ou Oriente Medio, se ben este enfoque contémplase en todas as iniciativas cofinanciadas.

Na actualidade, estase a executar no municipio caboverdiano de Paúl un proxecto de rehabilitación urbana no que se priorizan as vivendas das nais cabeza de familia. Trátase dunha política identificada nun dos Plans Municipais de Igualdade e Equidade de Xénero apoiados polo Fondo Galego en Cabo Verde, canda outras iniciativas como a que permitiu aumentar a participación femininina nas listas electorais.

Aquí, no Norte, o Fondo Galego ten promovido a equidade de xénero con actividades de sensibilización como contacontos, exposicións, charlas ou obras de teatro. Na xornada de hoxe, moitos son os Concellos e Deputacións socias que tiraron destas e doutras propostas para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.