Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2012-08-06

9 de agosto: Día Internacional dos Pobos Indíxenas

Os pobos indíxenas son máis de 5.000 e suman 370 millóns de persoas nuns 70 países. Representan arredor do 5% da poboación mundial e, no entanto, constitúen o 15% dos pobres do mundo.

A poboación chorotega é a principal beneficiaria dos proxectos apoiados polo Fondo Galego en Nicaragua.En 1994, a ONU declarou o 9 de agosto Día Internacional dos Pobos Indíxenas. Máis dunha década despois, as Nacións Unidas adoptaron a Declaración sobre os dereitos destas comunidades. Tamén a AECID puxo en marcha unha Estratexia da cooperación española cos pobos indíxenas, dado que se achan entre os grupos humanos máis vulnerables do planeta.

Cada pouco denúncianse situacións nas que se violan os seus dereitos, séguenselles a arrebatar as súas terras e os seus recursos e continúan sendo desprazados por mor dos conflitos armados. Padecen as consecuencias da inxustiza histórica, da opresión e da discriminación, mesmo dun xeito máis grave no caso das mulleres.

As culturas aborixes áchanse baixo a ameaza da extinción. De feito, calcúlase que dentro de 100 anos desaparecerá o 90% dos idiomas, xa que a maioría das 6.000 linguas que existen fálanas moi poucas persoas. Estes son só algúns dos datos recollidos no completo informe da ONU sobre a situación dos pobos indíxenas do mundo.

Este ano, o tema do Día Internacional é 'Medios de comunicación indíxenas: empoderando as voces indíxenas'. Preténdese así destacar a importancia dos medios de comunicación indíxenas para combater estereotipos, proxectar a súa identidade, o contacto co resto da poboación e a súa capacidade para influír na axenda política e social.

9 de agosto: Día Internacional dos Pobos Indíxenas