Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-11-05

A actriz María Mera denuncia o masacre de Gaza no IAF

Alén da entrevista, o boletín 'Infórmate a Fondo' destaca as doazóns para Palestina e Filipinas, así como o apoio a proxectos de seis ONGD ou os intercambios de experiencias en Holanda e Mallorca.

"Posicionarse ten represalias, por iso hai medo, e máis no caso do conflito israelí-palestino". Así se expresa a actriz María Mera na entrevista do último boletín dixital 'Infórmate a Fondo', onde a que fora protagonista de 'Matalobos' e agora da serie 'O Faro' nos fala tamén das novas formas de comunicación, do compromiso co país ou das súas colaboracións solidarias.

O IAF 135 arrinca cun balance da última Asemblea de socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, na que se aprobaron senllas doazóns para Gaza e Filipinas e mais o cofinanciamento de seis proxectos de ONGD en países do Sur. Dáse conta asemade do intercambio de experiencias sobre educación para o desenvolvemento realizado en Amsterdam no marco de Redes para o Desenvolvemento II, proxecto europeo que tamén se presentou nun foro celebrado en Mallorca.

Unha galería gráfica amosa as vivencias das dúas técnicas municipais que participaron este ano no programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, mentres que varias fotonovas anuncian as vindeiras Xornadas de Cooperación #Alén2015, a próxima apertura da votación online do concurso Imaxes con Fondo, a recta final dos encontros dixitais sobre os ODM, as actividades arredor do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, o novo convenio asinado coa Vicepresidencia da Xunta de Galicia ou a estrea da canle de audios en Ivoox.

A folla informativa correspondente ao terceiro trimestre recolle por último o avance dos proxectos apoiados no último ano en Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, El Salvador e Mozambique, estes dous últimos xa rematados, así como das actividades de sensibilización vinculadas que se desenvolven en Galicia. 'A ollada externa' de María Mera pecha a publicación.
 

A actriz María Mera denuncia o masacre de Gaza no IAF