Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-11-07

A Asemblea resolverá a convocatoria de proxectos o vindeiro 14 de novembro

Representantes das deputacións e concellos socios do Fondo Galego reuniranse en Santiago de Compostela, onde tamén se presentará o Plan de Comunicación Online da asociación municipalista.

As e os representantes das administracións socias están chamados a participar na Asemblea.Representantes dos 90 concellos e as dúas deputacións que integran o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade están chamados a participar na Asemblea xeral ordinaria que se celebrará o xoves 14 de novembro en Santiago de Compostela. O encontro terá lugar ás 12.30 horas na sede da Fegamp (Área Central, Rúa Varsovia, 4C, 6ª planta) e a orde do día centrarase na resolución da convocatoria de proxectos 2013 e na presentación do Plan de Comunicación Online do Fondo Galego.

Quince ONGD galegas presentaron un total de 17 proxectos de cooperación ao desenvolvemento na convocatoria aberta este ano. Unha vez baremados pola  Secretaría  do Fondo, a Comisión Avaliadora, integrada por persoal dos concellos de Vigo, Ourense, Cambre, Xove, a Deputación da Coruña, elaborou un ditame que trasladou á Comisión Executiva, que formulou a proposta que agora deberá resolver a Asemblea de socios.

Na sesión exporase asemade un avance do Plan de Comunicación Online, ao que cada administración local socia pode contribuír e, á vez, tirar rendemento, aproveitando o valor agregado que supón facer parte desta rede de institucións e persoas. O documento parte da base de que tamén cooperamos cando comunicamos, por exemplo visibilizando as motivacións e resultados dos proxectos nos países do Sur. As novas tecnoloxías permítennos redimensionar o alcance desta difusión e pór en marcha  boas prácticas ao respecto.

Na segunda Asemblea xeral de 2013, a presidenta do Fondo Galego, Teresa París, aproveitará asemade para presentar o estado da asociación e as actividades previstas no marco da Irmandade Galicia-Cabo Verde, que se desenvolverá entre o 8 e o 15 de decembro coa visita dunha delegación caboverdiana e as VIII Xornadas do Fondo Galego 'Comunicación e cooperación internacional', coincidindo co Día dos Dereitos Humanos.

As políticas e políticos desigados como delegados do Fondo Galego en cada unha das deputacións e concellos socios están chamados a participar da Asemblea. No entanto, poden delegar noutra ou noutro representante político ou técnico. Para confirmar ou escusar a asistencia deberán dirixirse ao enderezo electrónico do secretario da asociación dpalau@igadi.org.

Convocatoria e orde do día
Avance do Plan de Comunicación