Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-09-24

A Coordinadora Galega de ONGD debulla a cooperación desde Galicia no ciberencontro #Alén2015 de setembro

- Pablo Rodríguez, de Entreculturas, representará á asociación no evento, que versará sobre a actividade das organizacións non gobernamentais galegas ou con delegación en Galicia.
- A entrevista online realizarase este venres 26, entre as 12 e as 14 horas, nos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Pablo Rodríguez fai parte da Comisión de Incidencia.A Coordinadora Galega de ONGD (CGONGD) abordará o traballo que desenvolven as organizacións non gobernamentais galegas ou con sede en Galicia no encontro dixital #Alén2015 do presente mes, que terá lugar este venres 26 de setembro, entre as 12 e as 14 horas, nos perfís de Facebook (facebook.com/fondogalego) e Twitter (@FondoGalego) do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Pablo Rodríguez, membro da Comisión de Incidencia da CGONGD e coordinador rexional en Galicia da Fundación Entreculturas, representará a asociación, integrada por 43 organizacións, co obxectivo de dar a coñecer a actividade destas entidades, tanto no eido autonómico como no Sur.

A entrevista online será en directo, de xeito que as e os  internautas poidan facer chegar as súas preguntas ao convidado a través do perfil de Facebook do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía do propio coordinador de Entreculturas que se publicará cando se abra o debate, ás 12 horas do venres, ou do Twitter, co hashtag #EncontroCoordinadora. As persoas que non poidan intervir en directo na conversa poden deixar as súas dúbidas con carácter previo nos post relacionados co encontro publicados no Facebook do Fondo Galego, no Twitter, co hashtag #EncontroCoordinadora, ou enviar as súas cuestións ao correo fondogalego@gmail.com.

#Alén2015
A entrevista online coa Coordinadora Galega de ONGD forma parte de #Alén2015, un programa de encontros dixitais mensuais con axentes da cooperación que se está a levar a cabo neste 2014 a través das plataformas sociais do Fondo Galego co propósito de debater e reflexionar sobre distintos temas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e visibilizar as propostas destas expertas e expertos para a Axenda Post 2015

Encontros dixitais
Esta conversa vén complementar ás xa realizadas con carácter mensual nos medios sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.  Na primeira, que tivo lugar en xaneiro, participou o cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización, David Llistar, e versou sobre a anticooperación, título homónimo dun dos seus libros; en febreiro estivo nas redes sociais do Fondo Galego Sarsur, un colectivo coruñés que aportou unha interesante visión sobre a situación do Sáhara Occidental; Helena Maleno investigadora e integrante da rede de apoio Caminando Fronteras/Walking Borders, abordou en marzo os fenómenos migratorios e fronteiras; Tom Kucharz, membro de Ecoloxistas en Acción, ofreceu en abril unha pormenorizada reflexión sobre o declive enerxético, o consumo ou o cambio climático, entre outros temas.

Nacho Martínez, da Plataforma 2015 y más, falou en maio sobre os ODM e a Axenda Post 2015; en xuño, Amaia Celorrio, de ACNUR, fixo unha análise da situación que están a vivir refuxiados de todo o mundo; Margarita González, do grupo local de Amnistía Internacional na Coruña, centrou en xullo o seu discurso nos protocolos de actuación e intervencións de AI en países en conflito e María Reimóndez, fundadora e vicepresidenta de Implicadas no Desenvolvemento, amosou en agosto algunhas "alternativas" ao sistema de cooperación tradicional, ademais de tratar cuestións tan interesantes como os criterios de selección de países prioritarios para a realización de proxectos de cooperación.

Coordinadora Galega de ONGD (CGONGD)
Fundada en 1991, é unha asociación integrada na actualidade por 43 ONGD galegas ou con delegación en Galicia que traballan no ámbito da cooperación. Pretende contribuír á erradicación da pobreza mediante a potenciación dun espazo de intercambio e reflexión das ONGD integradas para unha acción conxunta. Entre os seus obxectivos cítanse:

- Desenvolver liñas de incidencia e presión política comúns emanadas das ONGD integradas
- Visibilizar o traballo das ONGD do tecido galego.
- Promover e defender unha mellora da calidade da cooperación ao desenvolvemento.
- Encabezar a interlocución coas institucións galegas e outras redes sectoriais.

Desde abril de 2002, forma parte da Coordinadora de ONGD España como membro de pleno dereito. Na súa estrutura orgánica distínguese unha Asamblea Xeral, unha Xunta Directiva e unha Secretaría Técnica. Conta asemade con cinco comisións de traballo abertas á participación de persoas alleas á asociación: Incidencia Política, Código de Conduta e Normativa, Xénero, Comercio Xusto e Educación para o Desenvolvemento.

Pablo Rodríguez
É licenciado en Ciencias Económicas, diplomado en Xerencia Social e en Relacións de Xénero e Desenvolvemento, amais de experto en cooperación ao desenvolvemento sostible. Comezou a súa traxectoria profesional como cooperante en Perú. Desde o ano 2003 forma parte do equipo da Fundación Entreculturas, onde desempeñou labores como técnico de proxectos e responsable de programas de cooperación internacional en Ecuador, Colombia e Perú. Na actualidade, é o coordinador rexional en Galicia.