Aviso:

[Pechar}


Vigo 2011-05-19

A ESAD de Galicia organiza en outubro o I Foro Internacional de Teatro Social

O Foro xorde do programa TeatrAcción, que a ESAD e o Fondo Galego impulsan dende 2008. Foto: Marcos Canosa (Agareso).A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia celebrará os días 6 e 7 de outubro o I Foro Internacional de Teatro Social, xurdido a partir do programa TeatrAcción que a ESAD e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade veñen impulsando desde o ano 2008. A intención é culminar o encontro coa creación dunha Rede de Teatro Social.

A finalidade do Foro é dispor dun marco para a presentación de experiencias e a análise de ideas, proxectos e propostas que favorezan o desenvolvemento de liñas de traballo e colaboración entre persoas e colectivos de toda Galicia e doutras comunidades e países da nosa contorna no ámbito da animación teatral e o teatro social.

A organización convida a participar a todas as persoas e colectivos interesados, atendendo a varias liñas de traballo nas que se poden realizar presentacións: comunicacións e relatorios, paneis gráficos, material audiovisual, e traballos prácticos.

O I Foro Internacional de Teatro Social vai contar cunha estrutura aberta que dará cabida a todas as experiencias e propostas, pois cómpre dar a palabra ás persoas que están a traballar neste eido. Tamén se contará coa presenza de profesionais de relevo internacional.

Ao mesmo tempo, preténdese crear unha Rede de Teatro Social que pode ter dimensión galega, ibérica ou internacional. Os seus obxectivos deberanos establecer os seus propios integrantes, pero podería considerarse a celebración de seminarios, encontros, intercambio de materiais e outras liñas de colaboración.

O I Foro Internacional de Teatro Social vaise celebrar nas instalacións da ESAD de Galicia en Vigo, en horarios de mañá e tarde. As persoas interesadas en participar xa poden inscribirse e enviar propostas de presentacións. Unha vez rematado o prazo de inscrición, farase público o programa definitivo, a finais de setembro.

Descarga aquí o díptico do I Foro Internacional de Teatro Social.