Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-02-19

A exposición fotográfica 'Nicaragua. O futuro' comeza a xirar polos concellos socios do Fondo

A vida cotiá, as paisaxes, as dificultades e os soños da poboación áchanse no traballo realizado por Felipe Carnotto tras gañar o certame Imaxes con Fondo II.

A exposición 'Nicaragua. O Futuro' permanecerá ata marzo na Casa do Concello de San Sadurniño.A exposición 'Nicaragua.O futuro' vén de iniciar en San Sadurniño a súa andaina polas administracións locais e provinciais socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A mostra amósase desde esta semana e ata o vindeiro 4 de marzo na Casa do Concello, tras estrearse nas X Xornadas Anuais de Cooperación.

As fotografías foron realizadas por Felipe Carnotto na viaxe ao país centroamericano que realizou como gañador da segunda edición do certame Imaxes con Fondo, convocado por esta entidade. Tras visitar os proxectos apoiados en Nicaragua polo Fondo Galego, co Instituto de Promoción Humana-Somoto como parceiro local, o fotoxornalista ofrece a través de vinte instantáneas unha perspectiva en chave persoal sobre a vida cotiá, as paisaxes, as problemáticas, os soños e as esperanzas da poboación.

Completan a exposición catro paneis informativos sobre a cooperación internacional promovida polo Fondo Galego en Nicaragua, que inclúe máis de trinta proxectos, 17 deles desenvolvidos de xeito directo co Inprhu-Somoto en áreas como vivenda, saúde, auga e saneamento, formación, ou turismo sostible. A ONGD nicaraguana tamén ten acollido voluntariado do programa Vacacións con Traballo.

Felipe Carnotto gañou en 2014 o certame Imaxes con Fondo II na categoría de persoas adultas cunha fotografía sobre pesca artesanal. O fotoxornalista de orixe brasileira afincado en Vigo, que vén de realizar un traballo sobre a crise de persoas refuxiadas, publica en xornais como The Guardian, Der Spiegel, El País ou a revista Luzes, alén de contar cun posto de honra nos IPA Awards.