Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-10-01

A non consecución dos ODM será un fracaso de tod@s

Inmersos nunha crise económica que afecta a nivel global, as/os líderes das principais potencias mundiais reuníronse estes días na sede das Nacións Unidas en Nova York para facer revisión do progreso  na consecución dos  Obxectivos do Milenio (ODM), fixados no ano 2000 co propósito de pór fin aos grandes problemas da humanidade. Como sabemos, os oito obxectivos sinalan metas moi concretas en canto á erradicación da fame e da pobreza extrema, o ensino primario universal, a promoción da igualdade entre os xéneros e a autonomía  das mulleres, a redución da mortaldade infantil, a mellora da saúde materno-infantil, o combate á SIDA, o paludismo e outras enfermidades, a sustentabilidade ambiental e a promoción dunha asociación mundial para o desenvolvemento.

A pesares dos avances amosados nos informes de seguimento presentados pola ONU ata o de agora, o certo é que queda aínda moito camiño por andar, e que de non producirse unha maior implicación dos gobernos e da sociedade dos países do norte as metas fixadas non serán acadadas no ano 2015, data acordada para o logro dos ODM. Cabe sinalar que ata o de agora os avances, a pesares de significativos, son tamén desiguais. Hai grandes diferenzas na consecución dos obxectivos, tanto en termos rexionais como sectoriais. Así, foron dados pasos adiante no incremento de nenas/os que asisten á escola, a redución da fame e a sustentabilidade ambiental, mais os obxectivos 3 e 5, relativos á equidade de xénero, empoderamento das mulleres e saúde materna, seguen a ser grandes materias pendentes. Xeograficamente os países de América Latina son os que están máis próximos de acadar ou aproximarse ao cumprimento dos ODM no ano 2015, mentres que os países africanos se atopan na cola do ranking, con escasas posibilidades de achegarse ao previsto. Do mesmo xeito, cabe destacar que persisten os maiores niveis de pobreza na poboación infantil, as mulleres, as/os indíxenas, e nas áreas rurais con respecto ás urbanas.

Cabe destacar que antes de que estoupara a recesión económica foron producidos os maiores avances, mentres que a crise económica supuxo un freo á tendencia do sexenio 2002-2008, no que, por exemplo, se reduciu a pobreza en Latinoamérica do 19,4% ó 12,9%, e se incrementaba por  10 o número de persoas que recibiron terapia antirretroviral. Estas melloras foron producidas de xeito lento pero progresivo, e parte dos avances que tanto custou acadar están sendo dinamitados pola actual crise financeira, medioambiental  e alimentaria.

Mostra desta situación faise evidente no informe “Quen está a loitar realmente contra a fame?”, sacado á luz por Action Aid e Axuda en Acción o pasado día 14, que revela que só 8 de 28 países empobrecidos verán reducida a fame á metade para o ano 2015, mentres que 16 están moi lonxe de acadar a meta e 12 retroceden.

Así mesmo, a realidade lévanos a ter cifras tan escandalosas con respecto á inxustiza e desigualdade social como que aproximadamente 2.400 millóns de persoas non teñen acceso á auga potable, 1.200 millóns de persoas subsisten con menos dun dólar ao día, cada seis segundos morre unha nena/o de fame, 63 millóns de nenas  e 51 millóns de nenos  non asisten á escola, 11 millóns de menores de 5 anos morren ao ano por enfermidades tratables, medio millón de mulleres falece ao ano por complicacións no parto, e a SIDA continúa a estenderse cada ano a tres millóns de persoas máis.

Neste contexto de crise no que os propios gobernos están recuando, nun exercicio notable de hipocrisía, no seu compromiso solidario internacional, non debemos permitir que o cumprimento dos obxectivos recaia simplemente nos Estados, senón que debemos tomar consciencia de que a sociedade civil debe ostentar un papel fundamental. O recente Informe sobre os Obxectivos do Milenio das Nacións Unidas 2010 amosa que os obxectivos e metas propostas poderían ser alcanzados habendo vontade política e pondo en marcha as estratexias políticas adecuadas. O mundo posúe os recursos e os coñecementos precisos para acabar coas grandes desigualdades entre o norte e o sur, mesmo naqueles países máis empobrecidos ou vulnerables. Desde o Fondo Galego de Cooperación animamos á cidadanía galega a que tome partido nesta loita: sumándose aos esforzos xa existentes que están levando a cabo as ONGDs ou facendo presión política perante as institucións, comezando por Concellos e Deputacións para que se impliquen na erradicación do empobrecemento, a desigualdade e as súas consecuencias. Nunca perdamos de vista que esas institucións represéntannos a tod@s. É o noso deber cívico vixialas e participar na conformación das súas decisións.

O logro dos ODM depende de todas e todos nós. Non alcanzalos incrementará a inestabilidade mundial e as crises medioambientais, alimentarias, epidémicas, de seguridade, etc. A  consecución dos mesmos encamiñaríanos cara outro panorama internacional máis xusto, igualitario e en paz. Sería un paso de cara a saír da indignidade e fracaso colectivo que a pervivencia da situación actual supón.

 

Artigo de opinión do presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa,
10publicado no xornal El Progreso o 28/09/10 baixo o título ‘A non consecución dos ODM será un fracaso de todos’
.

A non consecución dos ODM será un fracaso de tod@s