Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-11-10

A Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación reúnese en seis vilas

- Persoal das administracións socias revisa nestes encontros as actividades de sensibilización dispoñibles e a andaina dos proxectos en países do Sur.
- Os concellos de Nigrán, Ames, Caldas, Cartelle, Monforte e a Deputación da Coruña acollen entre o 17 e o 24 de novembro as xuntanzas coa Secretaría.

Persoal técnico de 87 concellos e dúas deputacións integra as RMS.Os concellos de Nigrán, Ames, Caldas de Reis, Cartelle, Monforte de Lemos e a Deputación da Coruña acollerán entre o 17 e o 24 de novembro as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convocou para este semestre. Os encontros reúnen ao persoal técnico das administracións asociadas para dar conta dos proxectos apoiados en países do Sur e amosarlles as actividades de sensibilización que poden implementar ao longo do ano.

A Rede Municipalista Solidaria está integrada polas técnicas e técnicos delegados do Fondo Galego de Cooperación en cada una das preto de cen administración locais e provinciais socias. Todas as reunións darán comezo ás 12 horas e cada quen escolle a cal acudir, en ocasións na compaña de representantes políticos municipais. Desta volta, as xuntanzas cobran especial relevancia porque son as primeiras que se celebran tras a elección da nova Comisión Executiva da entidade, que se renova logo de cada convocatoria de comicios locais.

Nestes foros, a Secretaría Técnica do Fondo Galego informa sobre o estado da asociación, dos proxectos que se executan en países empobrecidos de Latinoamérica, África ou Asia, e das actividades dispoñibles para os concellos e deputacións. Neste senso, prestarase especial atención ao Plan 2015, que reedita fórmulas de éxito como o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, os encontros dixitais #Alén2015, os contos da Tropa de Trapo, os ciclos de cine ou as exposicións. Ademais, faise especial fincapé na comunicación con enfoque de cambio social e recolleranse tamén ideas para o próximo ano.

As xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria coa Secretaría do Fondo Galego de Cooperación celébranse cada seis meses co obxectivo de render contas e favorecer un contacto directo que garanta correcto funcionamento da asociación. O intercambio de ideas e opinións que se xera permite unha boa circulación da información, a comunicación e a transparencia, imprescindibles para realizar un traballo eficaz. As persoas asistentes recibirán ademais un agasallo de comercio xusto.

CALENDARIO DAS RMS

  • 17/11/2015 Concello de Nigrán. Salón de Actos do Concello (Praza da Constitución, s/n).
  • 18/11/2015 Concello de Ames. Pazo da Peregrina (Avda. José Luis Azcárraga, 5. Bertamiráns)
  • 19/11/2015 Concello de Caldas de Reis. Salón de Plenos de Concello (Rúa Ferrería, 1).
  • 23/11/2015 Concello de Cartelle. Auditorio (Outomuro).
  • 24/11/2015 Concello de Monforte de Lemos. Sala de Xuntas do Concello (Praza Campo de San Antonio, s/n).
  • 27/11/2015 Deputación da Coruña. Sala Juanjo Gallo (Avda Alférez Provisional, 2. 6º andar).

ORDE DO DÍA DAS RMS

  1. Introdución ao Fondo Galego.
  2. Exposición do estado dos proxectos de cooperación internacional.
  3. Presentación do estado de execución do Plan de Sensibilización 2015.
  4. Explicación do Plan de Comunicación e dos servizos de comunicación para socios.
  5. Realización dun cuestionario para recoller novas propostas para a nova Lexislatura.
  6. Rogos, preguntas, suxestións.

Convocatoria e orde do día