Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-03-04

A Rede Municipalista Solidaria reunirase entre o 19 e o 22 de marzo

Os Concellos de Ourense, Redondela e Teo, e mais as Deputacións de Lugo e a Coruña, acollerán as xuntanzas nas que se presentarán as actividades de sensibilización dispoñibles.

Persoal técnico das Deputacións e Concellos socios reúnese na Rede Municipalista Solidaria.Cinco vilas galegas acollerán entre o 19 e o 22 de marzo as xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria (RMS), integrada polas técnicas e técnicos encargados da relación co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en cada unha das administracións socias. Nos encontros presentaranse as actividades de sensibilización dispoñibles para este ano e informarase sobre os proxectos en curso nos países do Sur, á vez que se analizarán a situación e perspectivas para o presente exercicio.

Os Concellos de Ourense, Redondela e Teo, e mais as Deputacións de Lugo e a Coruña, serán os anfitrións dos foros. As preto de cen persoas convocadas poden escoller a cal acudir en función da súa dispoñibilidade. Tamén están convidadas as e os representantes políticos das entidades locais e provinciais, para coñeceren de primeira man o funcionamento, resultados e capacidades do Fondo Galego.

Estas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria coa Secretaría Técnica da asociación facilitan un contacto directo que actúa como motor organizativo, amais de contribuír á información e á transparencia. Todas as xuntanzas deste primeiro semestre darán comezo ás 10.30 horas.

CALENDARIO
Martes 19 de marzo: Concello de Ourense, Centro de iniciativas empresariais. Rúa Padre Feijoo, 1A.
Mércores 20 de marzo: Deputación de Lugo, Museo provincial. Praza da Soedade, 12.
Mércores 20 de marzo: Concello de Redondela, Centro multiusos. Paseo da Xunqueira, s/n.
Xoves 21 de marzo: Deputación da Coruña, sala de prensa 'Juanjo Gallo', 6º andar do Pazo provincial. Avda. Alférez Provisional, 2.
Venres 22 de marzo: Concello de Teo, salón de plenos. Travesía da Ramallosa, s/n.

ORDE DO DÍA
1. Proxectos de 2011-2012/2013.
2. Presentación do Plan de Sensibilización 2013.
3. Rogos, preguntas, suxestións.