Aviso:

[Pechar}


Baiona 2015-01-30

A UNRWA detalla a intervención coa poboación refuxiada de Gaza á que contribúe o Fondo Galego

A directora executiva da axencia da ONU presentará en Compostela o programa de atención psicosocial do que 1.500 persoas se benefician grazas á colaboración da asociación de concellos e deputacións.

Foto: UNRWAA directora executiva da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA-España), Raquel Martí, manterá un encontro co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para explicar a intervención á que contribúe a asociación de concellos e deputacións. A xuntanza terá lugar o martes 10 de febreiro na sede da Fegamp, en Santiago de Compostela. Raquel Martí citarase ás 9.30 horas coa Comisión Executiva do Fondo Galego, e entre as 10 e as 11 horas a reunión abrirase a todas as administracións locais e provinciais socias. A súa presentación será asemade retransmitida a través de Twitter co hashtag #UnrwaFondo.

Logo da ofensiva militar que se produciu entre o 8 de xullo e o 26 de agosto, a Asemblea do Fondo Galego resolveu doar 10.000 euros á UNRWA para apoiar os equipos de saúde mental que atenden á poboación no contexto postbélico. A doazón destinouse ao proxecto 'Apoio psicosocial para as vítimas da operación Protective Edge en Gaza', que forma parte do Plan de Resposta á Emerxencia da franxa. Grazas á colaboración do Fondo Galego, preto de 1.500 persoas se beneficiarán das terapias impartidas por seis terapeutas durante dous meses. Realizaranse distintas actividades, tanto individuais como grupais, nas que se traballa desde o punto de vista da psicoloxía positiva.

Tras os 50 días de ofensiva, 2.254 palestinas e palestinos perderon a vida, incluíndo 538 menores, e máis de 18.000 casas quedaron destruídas. Todo isto danou o tecido social e debilitou os lazos existentes entre comunidades.  Arredor de 375.000 nenas e nenos e 60.000 persoas adultas foron identificadas como posibles beneficiarias do programa de apoio psicosocial por múltiples razóns, como a perda de familiares durante os ataques, a destrución do fogar, os elevados niveis de estrés, etc. O obxectivo desta iniciativa é reducir a vulnerabilidade psicolóxica e mellorar a resiliencia para afrontar os efectos adversos que teñan acontecido ou que vaian acontecer.

Escoita aquí a entrevista a Raquel Martí no programa 'Arredor de nós' de Radiofusión.