Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-07-21

A Xunta colabora con Fondo na sensibilización da sociedade galega sobre a cooperación

Vicepresidencia e o Fondo Galego asinan un convenio para o Plan de Sensibilización 2014 'Os Obxectivos do Milenio: Fin e Principio'.


A presidenta do Fondo Galego, Teresa París, e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha xuntanza anterior.A Vicepresidencia da Xunta vén de asinar un convenio de colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para cofinanciar o Plan de Sensibilización 2014 'Os Obxectivos do Milenio: Fin e Principio'. O obxectivo desta iniciativa é fortalecer desde o local a sensibilización da sociedade galega en torno á cooperación para o desenvolvemento. O orzamento do plan ascende a 63.414 euros, dos que a Xunta de Galicia achegará 40.000 euros. Desde o ano 2000, o goberno autonómico vén colaborando coa asociación municipalista no eido da sensibilización e da educación para o desenvolvemento, a través da sinatura de diferentes convenios.

O Fondo Galego é unha entidade plural que agrupa a 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, administracións comprometidas coa colaboración cos países empobrecidos. Ao tempo, o goberno galego considera a cooperación para o desenvolvemento un ámbito primordial, tal e como consta no III Plan Director da Cooperación Galega, aprobado en marzo no Parlamento, e que recolle este convenio.

O III Plan Director pon de relevo a valía do Fondo para potenciar a cooperación local e así mellorar a súa coordinación e capacidade, ademais de establecer como un dos seus obxectivos a sinatura dun convenio anual. Asemade, o Fondo Galego está recoñecido pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) como axencia municipal para a cooperación. O seu papel resulta, pois, primordial, e así o estima a Xunta de Galicia ao renovar o seu apoio á consolidación do Fondo como instrumento vertebrador da cooperación municipal.