Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-04-09

Aberto o prazo para apuntarse ao programa Vacacións con Traballo

Persoal das deputacións e concellos socios do Fondo Galego pode solicitar ata o 16 de maio unha das prazas para cooperar nas áreas de igualdade e turismo coas entidades parceiras en Cabo Verde en Nicaragua, respectivamente.

As Vacacións con Traballo fomentan o intercambio de coñecementos entre o Norte e o Sur.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de abrir hoxe, 9 de abril, o prazo para a presentación de solicitudes a senllas prazas da novena edición do programa Vacacións con Traballo. Empregadas e empregados das administracións socias poden apuntarse para colaborar en Nicaragua co Instituto de Promoción Humana (Inprhu-Somoto) en materia de turismo ou para asesorar a un concello da Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos na área de igualdade.

Ata o 16 de maio permanecerá aberta a recepción de candidaturas, nas que terá prioridade o persoal especializado nestas áreas, aínda que, en función das solicitudes presentadas, os perfís prioritarios poden non ser eliminatorios, polo que se recomenda inscribirse a calquera técnica ou técnico local con interese no programa. Deberán ser traballadoras ou traballadores en activo e terán que achegar unha carta de apoio da ou do representante político do Fondo Galego na súa entidade, canda o seu currículo e unha carta de motivación persoal.

As viaxes desenvolveranse no último cuadrimestre do ano, en función da dispoñibilidade dos parceiros e das propias persoas seleccionadas, que asistirán previamente a unha xornada de formación. As estadías prolónganse durante un mes, no que as e os participantes renuncian ás súas vacacións, e cóbrense os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención. Desde terreo, o voluntariado visibiliza a través dun blog a realidade do Sur e as súas propias vivencias, que á volta tamén se recollen nun caderno dixital co fin de amplificar a dimensión sensibilizadora da iniciativa.

Un total de 28 persoas, 19 empregadas e 9 empregados das administracións locais e provinciais, achegaron desde o ano 2006 o seu apoio técnico en países como Cuba, Perú, Nicaragua e Cabo Verde. Un intercambio de coñecementos que, alén de reforzar os vínculos solidarios e dinamizar a cooperación municipalista, resulta enriquecedor tanto no plano persoal e profesional, tanto para o Norte como para o Sur. Así o recoñecen as persoas participantes non só nos cadernos de experiencias que se editan á volta, senón tamén nos vídeos do encontro que se celebrou polo 15º aniversario do Fondo Galego. No blog vacacionscontraballo.wordpress.com centralízase a información sobre o programa e os relatos do voluntariado.

Convocatoria VcT 2014
Vídeos VcT
Cadernos VcT
Blog VcT