Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2012-05-21

Ábrese a convocatoria de proxectos dirixida a axentes de cooperación galegos

O prazo para a presentación de solicitudes estenderase ata o 22 de xuño.

Xuntanza das persoas beneficiarias dun dos proxectos cofinanciados en convocatorias anteriores.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade abre mañá martes o prazo para a presentación de proxectos de cooperación ao desenvolvemento. A convocatoria está dirixida aos axentes cooperantes con presenza real en Galicia e busca contribuír ao fortalecemento do sistema galego de cooperación. Cada entidade poderá presentar un máximo de dúas propostas e a subvención será de ata 20.000 euros por proxecto.

As accións executaranse en zonas cun índice de desenvolvemento humano (IDH) medio, baixo ou moi baixo, tendo preferencia os países prioritarios para o Fondo Galego (Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú) e a lusofonía. Deberán ademais favorecer a participación da poboación beneficiaria e procurar un desenvolvemento sostible, promovendo a transformación social. A loita contra a pobreza, a equidade de xénero e o respecto medioambiental serán eixos transversais a ter en conta, canda o enfoque de Dereitos Humanos. Tamén se valorará que o sector de actuación estea directamente vinculado ao eido local.

Entre outros requisitos, as organizacións deberán acreditar unha experiencia mínima de dous anos no país e no ámbito de actuación solicitados, amais de contar con parceiros locais solventes. Terase en conta se se trata tamén dun socio estratéxico do Fondo Galego no Sur: o Inprhu de Nicaragua, a Oficina do Conservador ou a Municipalidade de Santiago de Cuba e a Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos ou algunha das Cámaras de Cabo Verde. O período para a execución dos proxectos non superará os 12 meses e o Fondo Galego financiará ata un 80% do custo total.

As solicitudes presentaranse entre o 22 de maio e o 22 de xuño por correo postal. Unha comisión técnica constituída por representantes de diferentes Deputacións e Concellos avaliará as propostas, aínda que será a Asemblea de socios quen aprobe a resolución da Comisión Executiva. A decisión final publicarase nas webs do Fondo Galego de Cooperación e da Federación Galega de Municipios e Provincias. As bases da convocatoria de subvencións para proxectos de cooperación internacional, redactadas tras escoitar as propostas das ONGD no Consello Municipalista da Cooperación, están dispoñibles aquí. As organización interesadas poden dirixir as súas consultas a acorzo@igadi.org.