Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-05-02

Ábrese o prazo para presentar proxectos de cooperación á convocatoria do Fondo Galego

A axencia municipalista destina 100.000 euros ás iniciativas dos axentes galegos de cooperación no Sur.

O Fondo Galego cofinancia proxectos das ONGD no Sur.O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de abrir a convocatoria de subvencións dirixida aos axentes de cooperación ao desenvolvemento con presenza real en Galicia para a execución de proxectos de desenvolvemento nos países do Sur. A entidade municipalista destinará este ano un mínimo de 100.000 euros ao financiamento das propostas, que deberán incluír unha actividade de sensibilización en Galicia. O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de xuño.

Contribuír ao fortalecemento do sistema galego de cooperación e sensibilizar a poboación sobre as desigualdades son os obxectivos desta convocatoria á que ONGD, sindicatos, universidades, etc. poderán presentar ata dous proxectos. No entanto, só se financiará un por entidade, ata o 80% do custo total e cun límite de 30.000 euros, quedando excluídas aquelas que recibiron achegas en 2013 e as que non teñan un mínimo de dous anos de experiencia no país e no sector de actuación.

Os proxectos executaranse en países cun índice de desenvolvemento humano (IDH) medio ou baixo, priorizando aos menos adiantados (PMA). Terán preferencia ademais as intervencións en Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú -zonas tradicionalmente vinculadas á cooperación realizada polo Fondo Galego-, e mais nos países lusófonos. Tamén os países prioritarios segundo o III Plan Director da Cooperación Galega, incluído Haití e os territorios saharauís.

Alén de incorporar enfoques transversais coma a loita contra a pobreza, os Dereitos Humanos, a igualdade de xénero e a protección do medio ambiente, o ámbito de actuación deberá estar vinculado co eido local. Os parceiros locais han de responsabilizarse da execución, que contará coa participación das persoas beneficiarias. Ao tempo, as organizacións solicitantes teñen que contar cunha sede ou delegación permanente en Galicia desde hai dous anos e mais con base social e unha rede de voluntariado activa.

As bases da convocatoria presentáronse ante o Consello Municipalista de Cooperación, órgano consultivo do que están convidados a participar os axentes do sector, nunha xuntanza tras a que se incorporaron parte das alegacións presentadas pola Coordinadora Galega de ONGD. Unha comisión técnica constituída por representantes de diferentes deputacións e concellos encargarase de avaliar os proxectos presentados, aínda que será a Asemblea de socios do Fondo Galego quen aprobe a resolución da Comisión Executiva. Calquera consulta ao respecto pode dirixirxe ao enderezo electrónico acorzo@igadi.org.

Bases da convocatoria
Formulario narrativo
Formulario económico
Acta do CMC