Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-05-25

África non é un país

Retrato da exposición sobre Cabo Verde autoría de Rober Amado.

África non é un país. Quizais esta sexa a frase que máis rápido derruba os estereotipos sobre un continente que prexulgamos coma homoxéneo, se ben alberga unha gran diversidade. Cómpre lembralo cando vimos de celebrar o Día de África, que se conmemora o 25 de maio coincidindo coa fundación da actual Unión Africana, creada para promover a solidariedade entre os máis de 50 estados que a forman e construíndo así unha voceiría colectiva.

As novas sobre África agochan sorpresas como que conta con 22 Premios Nobel, que xa houbo sete presidentas ou que alberga o país con máis parlamentarias do mundo, Ruanda. No entanto, como aquí, aínda se ten que normalizar a entrada das mulleres na política e é nese obxectivo no que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, integrado por 85 concellos e dúas deputacións, apoiou diversos proxectos en países lusófonos como Cabo Verde, onde vimos incrementar lixeiramente o número de mulleres candidatas e, finalmente, concelleiras.

Unha nova iniciativa neste senso estase a levar da man da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas. A súa presidenta, María Helena Correia, entrevistouse en marzo con alcaldesas dos municipios socios do Fondo. En setembro, rexedoras e edís galegas devolveranlle a visita en Mozambique, a fin de participar nun workshop para intercambiar experiencias e ferramentas para que aspolíticasacaden maior espazo nas institucións e nos órganos de goberno local. Profundarán asemade no papel das mulleres como axentes e motores de cambio no poder local ou no traballo municipal en xénero.

Tamén en Mozambique, o Fondo Galego promove a saúde infantil e materna coa Fundaçao Encontro. Porén, o maior número de accións desenvolvidas no continente africano realizáronse coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, financiando máis de trinta proxectos de cooperación internacional  en áreas como a habitabilidade, o xénero, a sanidade e a educación.

Moitas destas intervencións plásmanse na exposición 'Galicia-Cabo Verde: unha irmandade', realizada polo fotoxornalista Rober Amado, gañador do primeiro concurso Imaxes con Fondo. Certame que agora se volve convocar, cunha viaxe a Mozambique como premio principal. A mostra fotográfica circulará este ano por unha decena de vilas acompañada da actuación de BatukoTabanka, grupo musical integrado por mulleres caboverdianas afincadas na Mariña de Lugo, que nos achega a realidade do país lusófono. Unha pequena mostra da diversidade de África. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convida a participar e coñecer así un pequeno anaco do gran continente veciño.

Teresa París
Concelleira de Igualdade en Redondela e vicepresidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

*Artigo de opinión publicado no xornal Atlántico Diario con motivo do Día de África

 
África non é un país