Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-06-16

Agareso e o Fondo Galego preparan en El Salvador un documental sobre o traballo comunitario

Tres xornalistas desprázanse ao Bajo Lempa para elaborar o audiovisual co que se sensibilizará a escolares de dez concellos socios.

Selfie de Gabriela Sánchez, Alba Sotelo e Juan de Sola a piques de despegar.O proxecto para a prevención de riscos ambientais que Agareso promove en El Salvador co apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade comeza hoxe unha nova fase. Para levala a cabo con éxito, un equipo de voluntariado da ONGD integrado por Juan de Sola, Alba Sotelo e Gabriela Sánchez viaxan rumbo a Centroamérica, equipado con cámaras de vídeo, micrófonos, un guión de documental e variados e interesantes contactos baixo o brazo.

Todos estes elementos ben artellados, sazonados con moito entusiasmo e unha boa cantidade de profesionalidade terán como resultado un documental sobre o traballo comunitario na rexión do Bajo Lempa a prol do desenvolvemento sostible. Juan de Sola é presidente de Agareso e conta cunha dilatada experiencia en radio, Alba Sotelo é especialista en comunicación audiovisual e Gabriela Sánchez xornalista de prensa.

Como non podía ser doutro xeito, a súa primeira parada será en Radio Tehuacán, a emisora comunitaria de Tecoluca coa que Agareso continúa traballando co cofinanciamento do Fondo Galego para que poida contribuír a través da comunicación e a información ao desenvolvemento da súa zona de influencia. Juan, Alba e Gabriela pasarán uns días co voluntariado da canle para recoller a súa experiencia de colaboración para manter nas ondas a pequena emisora.

Despois partirán cara La Pita, a zona onde o parceiro local, a Fundación Cordes, executa boa parte dos seus proxectos de apoio a produción sostible, a pesca artesanal e a sensibilización ambiental. Aínda que Cordes será o principal anfitrión nestes días, o equipo reunirase con todo tipo de organizacións que traballan a prol das súas comunidades e, sobre todo, recollerán a experiencia da propia poboación da zona para que eles e elas sexan protagonistas deste relato audiovisual.

Entre os temas que abordarán estes días áchanse os efectos prexudiciais que ten para a saúde o uso de pesticidas para mellorar a produción de cana de azucre e como as comunidades afectadas se están a mobilizar para denunciar a situación, no que a organización Mopao de agricultura ecolóxica lles servira de guía. Tamén visitarán comunidades que están integradas en cooperativas para poder vivir da pesca ou do cultivo de marañón (anacardio). Coñecerán organizacións de mulleres como Cripdes ou Asmur que contribúen a empoderar as salvadoreñas para que sexan parte fundamental do crecemento dos seus pobos.

Poderán observar de primeira man como traballan os comités de Protección Civil, aos que Cordes está capacitando para que melloren a prevención de riscos grazas a este proxecto.  Sen deixar de lado iniciativas tan importantes como o respaldo ao turismo, coa conformacións de comités cidadáns, e a protección da natureza coa xestión comunitaria das reservas naturais. Unha das últimas paradas serán as escolas da zona nas que Cordes está impartir charlas de sensibilización ambiental para que as cativas e cativos aprendan a previr os riscos ambientais, a reciclar e a respectar a súa contorna, dentro tamén da iniciativa apoiada polo Fondo Galego.

E tras 15 días enchoupándose de todas estas experiencias, volverán a Galicia para editar e montar o material e construír un documental que servirá para sensibilizar a estudantes de dez centros educativos galegos sobre a importancia da organización comunitaria e o medio ambiente.  Pero isto será a volta, durante as próxima semanas aprenderemos a través dos seus relatos un pouco máis da importancia de traballar xuntos a prol do desenvolvemento, algo do que as e os salvadoreños poden darnos unhas cantas boas ideas.

Blog da experiencia
Vídeo do proxecto