Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2012-10-17

Alcaldías alemás interésanse pola cooperación municipalista do Fondo Galego en Nicaragua

A entidade achega en Alemaña a súa experiencia ante cidades e ONGD, no marco do proxecto ‘Redes para o desenvolvemento’ cofinanciado pola Unión Europea.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade comparte esta semana con municipios e ONGD de Alemaña a súa experiencia en Nicaragua. O secretario da entidade, Daniel González Palau, viaxa mañá xoves á cidade xermana de Wuppertal convidado por Fine+p, organización parceira do proxecto europeo ‘Redes para o desenvolvemento’, onde o Fondo Galego asesora a Portugal e Alemaña na promoción das súas redes de cooperación descentralizada, na procura dun maior impacto e eficacia nos procesos de cooperación internacional que nacen do poder local.

Alí participará nunhas xornadas nas que estarán presentes autoridades locais alemás irmandadas con municipalidades nicaraguanas, coas que o Fondo Galego de Cooperación intercambiará coñecementos. González Palau exporá, en concreto, as experiencias e os retos actuais da cooperación cos actores locais na rexión de Somoto. A asociación vén traballando nesta zona desde hai unha década en parcería co Instituto de Promoción Humana (Inprhu), se ben os proxectos no país centroamericano remóntanse aos inicios do Fondo Galego, que este ano está a celebrar o seu 15º aniversario. Neste tempo apoiáronse máis de vinte intervencións, as últimas centradas na mellora das condicións de habitabilidade.

As actitudes compartidas das administracións locais xermanas irmandadas con Nicaragua e as potencialidades destas alianzas no contexto da cooperación para o desenvolvemento son outros dos aspectos que se debaterán no encontro, canda a implicación do voluntariado neste eido. Algúns municipios alemáns detallarán a súa experiencia con estes irmandamentos, que poderían considerarse un punto de partida para promover políticas locais de desenvolvemento.