Aviso:

[Pechar}


Illa de San Simón 2012-01-18

Altos representantes do PSdeG apoiarán a cooperación municipalista no Encontro co Fondo, o 28 de xaneiro no Parlamento de Galicia

- Pachi Vázquez, Laura Seara, Carmen Cajide, Margarita Pérez Herráiz e Isaura Abelairas participan na xuntanza canda ong de Galicia e Nicaragua

- O Econtro 'Institucións locais e solidariedade' repetirase co PPdeG e o BNG para consolidar o compromiso coa cooperación internacional de Concellos e Deputacións, e das forzas políticas, tras o cambio de lexislatura

Destacados cargos do PSdeG-PSOE participarán o sábado 28 de xaneiro no Encontro 'Institucións locais e solidariedade', que se celebrará a partir das 10.30 horas no Parlamento de Galicia. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade promove no primeiro trimestre de 2012 estes foros con cada un dos tres grandes partidos: PPdeG, PSdeG e BNG. As xuntanzas están dirixidas principalmente ás e aos representantes políticos das Deputacións e Concellos socios do Fondo Galego, co fin de consolidar o seu compromiso coa cooperación para o desenvolvemento.

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, abrirá a xornada canda a vicepresidenta do Fondo Galego e concelleira en Vigo, Isaura Abelairas, e mais a portavoz socialista de Igualdade e Cooperación no Parlamento de Galicia, Carmen Cajide. Intervirá logo a ex deputada con amplo percorrido en cooperación Margarita Pérez Herráiz, e relatarán as súas experiencias neste eido representantes dos Concellos de Lugo, O Barco de Valdeorras e Viveiro. Ademais da Secretaría Técnica do Fondo Galego, haberá oco para a Coordinadora Galega de ONGD e para a ONG nicaraguana INPRHU-Somoto.

Tamén participará a escritora e xornalista María Xosé Porteiro, integrante do Consello Reitor do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), que achegará o enfoque de xénero. Antes das conclusións, falarán sobre 'Os efectos da crise na cooperación para o desenvolvemento' a deputada no Congreso e secretaria de Igualdade e Cooperación da Executiva do PSdeG, Laura Seara, e mais Carmen Cajide.

Os Encontros 'Institucións locais e solidariedade' enmárcanse no Plan de Sensibilización do Fondo Galego, como unha fórmula de diálogo cos tres partidos políticos maioritarios en Galicia, piares do proceso de nacemento e consolidación da propia entidade. Tras o cambio de lexislatura municipal, preténdese reflexionar sobre o compromiso das institucións locais coa solidariedade e muscular a implicación dos partidos políticos co Fondo Galego de Cooperación, despois de quince anos de andaina.

PPdeG, PSdeG e BNG están representados na Comisión Executiva, órgano directivo da asociación, e son artífices do consenso que vén rexendo o seu funcionamento. Trátase agora, pese ao contexto de crise económica, de non dar pasos atrás. O obxectivo é renovar ese compromiso e fortalecer esta rede de institucións e persoas a prol da solidariedade internacional, da promoción dos Dereitos Humanos, do desenvolvemento dos países do Sur e da sensibilización da cidadanía galega.

AXENDA DA XORNADA

10.30h Apertura do Encontro.
- Pachi Váquez, secretario xeral do PSdeG-PSOE,.
- Isaura Abelairas, vicepresidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e concelleira en Vigo.
- Carmen Cajide, portavoz socialista de Igualdade e Cooperación no Parlamento de Galicia.

11.00h 'A cooperación para o desenvolvemento desde o eido municipal'
- Margarita Pérez Herráiz, ex deputada con amplo percorrido en cooperación. Introdución.
- Carmen Basadre, Concello de Lugo. Experiencias.
- Natalia Álvarez, Concello do Barco de Valdeorras. Experiencias.
- Isabel Rodríguez, Concello de Viveiro. Experiencias.

11.30h 'Os 15 anos do Fondo Galego'.- Daniel González Palau, secretario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e investigador do IGADI.

12.00h 'As ONG na loita contra a pobreza'.- María Paz, vicepresidenta da Coordinadora Galega de ONGD.

12.20h 'O enfoque de xénero na cooperación para o desenvolvemento'.- María Xosé Porteiro, integrante do Consello Reitor do IGADI, xornalista e escritora.

12.40h 'A experiencia do Sur'. Instituto de Promoción Humana-Somoto (Nicaragua), exemplo de boas prácticas na cooperación internacional.

13.00h 'Os efectos da crise na cooperación para o desenvolvemento'.
- Laura Seara, deputada no Congreso e secretaria de Igualdade e Cooperación da Executiva do PSdeG-PSOE,
- Carmen Cajide, portavoz socialista de Igualdade e Cooperación no Parlamento galego.

13.30h Conclusións e peche.

Documento base