Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-07-17

Amarante concienciará sobre compra pública e consumo responsable en dez administracións socias do Fondo

Os obradoiros dirixidos aos representantes políticos, o persoal municipal e á veciñanza compleméntanse cunha exposición.

Dez socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade acollerán os obradoiros de compra pública ética e consumo responsable promovidos canda a ONGD Amarante Setem. Unha exposición sobre as consecuencias do actual modelo de consumo completa esta actividade de sensibilización e formación, que conta co apoio da Xunta de Galicia.

O persoal técnico e político das entidades locais e provinciais é o público obxectivo do obradoiro de compra pública responsable. Búscase así incorporar esta boa práctica na adquisición de bens e servizos por parte das administracións públicas, tendo en conta criterios éticos, sociais e medioambientais. Perante un modelo no que prima o beneficio económico sobre os dereitos das persoas e o respecto ao medio ambiente, preténdese reflexionar arredor das condicións nas que se producen os bens que se mercan e quen é o depositario final das ganancias.

Neste mesmo contexto encádrase a charla-obradoiro de consumo responsable, que avoga por xerar unha conciencia crítica sobre as consecuencias que ten o noso xeito de consumir, tanto na contorna próxima como na máis afastada, ao tempo que se propoñen alternativas. Estas charlas están pensadas para alumnado de primaria e secundaria, a miúdo obxectivo de intensas campañas publicitarias, pero tamén se poden adaptar a encontros abertos coa cidadanía e o tecido asociativo.

Senllos obradoiros compleméntanse coa exposición de Amarante ‘Non te consumas’, que aposta por unha mudanza de hábitos para constribuír a construción dun mundo máis xusto, solidario e sostible. As desigualdades no consumo, a contaminación, a auga, a enerxía, o transporte, a reciclaxe, o comercio xusto, o consumo responsable, as finanzas éticas, a alimentación e a roupa son algunhas das temáticas que aborda. Pode descargar a ficha da exposición e do funcionamento da actividade ao final desta páxina.

Estos Obradoiros seguen así o camiño que durante anos o Fondo e Amarante comparten na promoción e difusión de relacións comerciais xustas e de comportamentos responsables tanto no institucional como no individual.

AnexoTamaño
obradoiroscomprapublicaeconsumoresponsable.pdf414.33 KB
ficha_non_t_consumas.pdf279.38 KB