Aviso:

[Pechar}


Baiona 2015-04-22

Amigos da Terra e o Fondo Galego facilitan o acceso á auga a 178 familias nicaraguanas

- No Día da Terra difúndese o proxecto de cooperación que permitirá mellorar a infraestrutura e o manexo das fontes e fomentar a depuración con bioxardineiras.
- En Galicia organizaranse xornadas formativas sobre o tratamento biolóxico dirixidas a persoal técnico municipal, comunidades de montes e público xeral.

Nas comunidades replicaranse cinco bioxardineiras.A ONGD Amigos da Terra e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade están a facilitar o acceso de máis dun milleiro de persoas á auga potable en Nicaragua. A asociación de concellos e deputacións financia con 29.918 euros este proxecto do que se beneficiarán 178 familias empobrecidas e que conta co Instituto de Promoción Humana-Somoto como parceiro local. A iniciativa faise pública coincidindo co Día da Terra.

A rehabilitación de doce pozos e seis unidades sanitarias é unha das actividades que se levarán a cabo en cinco comunidades dos municipios de Somoto e San Lucas, onde a situación social é de pobreza extrema e a agricultura, que constitúe a principal fonte de ingresos, se ve gravemente afectada pola seca. A intervención prevé asemade a reforestación de sete fontes de auga, para o que xa se están a establecer viveiros comunais con especies autóctonas. A formación sobre xestión da auga e saneamento ambiental é outra das actividades que se están a levar a cabo, con capacitacións sobre normativa ou hixiene.

Obras nas infraestruturas de acceso á auga potable.Reducir a contaminación é clave para minguar a incidencia de doenzas como as infeccións respiratorias e as enfermidades diarreicas. Unha das actuacións contempladas será pois a instalación de bioxardineiras, como solución tecnolóxica de baixo custe e adaptada ás condicións locais, replicando a experiencia xa probada noutras zonas. Estes sistemas de depuración biolóxica permitirán reutilizar as augas grises en tarefas de rego ou limpeza. As diferentes accións do proxecto promoven a participación das mulleres e buscan mellorar a resiliencia ao cambio climático nunha área moi afectada por fenómenos coma o Neno.

A iniciativa leva aparellada unha proposta de sensibilización en Galicia coa que se divulgará a fitodepuración. Os días 16 e 17 de maio convidarase ao público xeral a coñecer o funcionamento do biofiltro de macrofitas en flotación instalado no Centro de Educación Ambiental As Corcerizas (Vilar de Barrio). Máis adiante organizarase unha xornada formativa dirixida a persoal técnico dos concellos, xestores de comunidades de montes e de instalacións públicas e privadas.