Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-05-13

Amigos da Terra ensina a construír biofiltros de plantas acuáticas para depurar as augas domésticas

- A formación sobre a alternativa dos tratamentos biolóxicos desenvolverase os días 16 e 17 de maio no Centro de Educación Ambiental As Corcerizas.
- O curso vincúlase ao proxecto financiado polo Fondo Galego de Cooperación para facilitar o acceso á auga potable a preto de 180 familias empobrecidas.

O proxecto avanza en Nicaragua.

Amigos da Terra organiza un curso para dar a coñecer o tratamento biolóxico das augas residuais e que as e os participantes poidan construír o seu propio sistema de depuración doméstica. A formación terá lugar os días 16 e 17 de maio no Centro de Educación Ambiental As Corcerizas, situado no concello ourensán de Vilar de Barrio, onde funciona un biofiltro de plantas acuáticas. A actividade está vinculada ao proxecto apoiado á ONGD polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua para facilitarlle o acceso á auga potable a máis dun milleiro de persoas empobrecidas.

Durante o curso analizaranse os procesos de contaminación das augas domésticas, presentando alternativas naturais que as e os asistentes poidan deseñar, crear e manter. A través dunha metodoloxía teórico-práctica, achegaranse ás bases da fitodepuración e construiranse un sistema de infiltración a terreo e mais un filtro verde de macrófitas flotantes. A acción formativa vai dirixida ao público xeral, pero especialmente a persoal técnico dos concellos, xestores de comunidades de montes e de instalacións públicas e privadas. As persoas interesadas poden inscribirse ata o día 13 en info@ascorcerizas.com ou no teléfono 988 302 403.

A proposta encádrase no proxecto de cooperación internacional financiado polo Fondo Galego e que Amigos da Terra executa en Nicaragua da man da ONGD local Instituto de Promoción Humana-Somoto. A instalación de bioxardineiras, a rehabilitación de pozos, a reforestación das fontes de auga ou capacitacións sobre a xestión do recurso hídrico e o saneamento ambiental son algunhas das accións que se están a levar a cabo. Preto de 180 familias beneficiaranse desta intervención nunha zona que se acha en situación de pobreza extrema, onde reducir a contaminación da auga resulta clave para minguar a incidencia de enfermidades e na que a agricultura, que constitúe a principal fonte de ingresos, se ve gravemente afectada pola seca.