Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-07-28

Amnistía Internacional aborda distintas vertentes dos dereitos humanos no ciberencontro #Alén2015 de xullo

- Margarita González, integrante do Equipo de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de AI Galicia, centrará o seu discurso na necesidade da vinculación dos DDHH e os ODM.
- O encontro dixital levarase a cabo o mércores 30 de xullo, entre as 12 e as 14 horas, nos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Margarita González responderá as preguntas sobre o traballo de Amnistía Internacional.A responsable de medios de comunicación e coordinadora do Equipo de Educación do Grupo local da Coruña de Amnistía Internacional España (AI), Margarita González, estará nas redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o próximo mércores 30 de xullo, entre as 12 e as 14 horas, para falar sobre Dereitos Humanos e abordar o traballo que realiza a entidade en pro do seu respecto e cumprimento a nivel global.

Pertencente ao equipo DESC (Dereitos Económicos, Sociais e Culturais) de AI Galicia, González centrará o seu discurso nos devanditos dereitos, facendo fincapé asemade na insuficiencia e limitacións dos logros acadados no marco dos ODM. Neste sentido, AI está a preparar unha serie de propostas concretas para incluír na Axenda Post 2015, na que os Estados se comprometan non só a informar dos progresos realizados, senón que tamén demostren que están a cumprir as súas obrigas en materia de dereitos humanos

Margarita González conversará en directo coas e cos internautas a través do perfil de Facebook (facebook.com/fondogalego) do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía da coordinadora de comunicación do Grupo local da Coruña de AI, que se publicará ao inicio do encontro, así como da conta de Twitter  (@FondoGalego) da organización, co hashtag #EncontroAI.

Aquelas persoas que desexen participar pero non teñan dispoñibilidade nas horas fixadas para o ciberencontro, poden deixar as súas dúbidas con carácter previo no Facebook do Fondo Galego, nos posts relacionados co encontro publicados neste espazo; no Twitter, empregando o hashtag #EncontroAI ou ben enviar as súas preguntas ao correo fondogalego@gmail.com.

Este ciberencontro enmárcase dentro do programa #Alén2015, posto en marcha este ano pola entidade municipalista co obxectivo de crear un espazo de debate con carácter mensual para reflexionar sobre distintas cuestións vinculadas aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, que conclúen en 2015.

A intervención de Margarita González súmase a outras seis, que se poden consultar na web do Fondo Galego, protagonizadas por axentes da cooperación, como a do cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización, David Llistar, que versou sobre a anticooperación, título homónimo dun dos seus libros; Sarsur, un colectivo coruñés que achegou unha interesante visión sobre a situación do Sáhara Occidental; Helena Maleno investigadora e integrante da rede de apoio Caminando Fronteras/Walking Borders, que abordou os fenómenos migratorios e fronteiras; Tom Kucharz, membro de Ecoloxistas en Acción, que ofreceu unha pormenorizada reflexión sobre o declive enerxético, o consumo ou o cambio climático, entre outros temas; Nacho Martínez, da Plataforma 2015 y más, que abordou os ODM e a Axenda Post 2015 nos medios sociais da entidade e Amaia Celorrio, de ACNUR, que fixo unha análise da situación que están a vivir persoas refuxiadas en todo o mundo.

Margarita González
É profesora de Primaria especialista en audición e linguaxe, con experiencia na integración de actividades en defensa dos dereitos en centros educativos. Leva trinta anos colaborando activamente con Amnistía Internacional, asumindo distintas responsabilidades dentro da entidade. Foi membro do Comité Executivo de AI, coordinadora de AI Galicia, tesoureira e coordinadora do Grupo local de Amnistía Internacional na Coruña, onde actualmente é responsable de medios de comunicación e coordinadora do Equipo de Educación. Pertence, ademais, ao Equipo DESC (Dereitos Económicos, Sociais e Culturais) de AI Galicia.