Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-03-18

As administracións socias do Fondo Galego xa poden solicitar as novas actividades

Ata o 18 de abril permanece aberto o prazo para que as deputacións e concellos soliciten as accións complementarias ás exposicións, contacontos ou obradoiros de calceta.

Foto de familia tras a Asemblea Xeral.Logo de que a Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aprobara o Plan de actividades para 2016, as deputacións e concellos socios teñen ata o 18 de abril para solicitar as novas propostas que se ofertan este ano. Entre elas, áchanse accións de sensibilización complementarias ás exposicións, a xira rural dos contos da Tropa de Trapo ou os obradoiros de calceta 'Tecendo polo cambio'.

Mostras con actividades complementarias:

  • Exposición 'Imaxes con Fondo' acompañada dun obradoiro de fotografía social. O foroxornalista Felipe Carnotto, gañador do certame Imaxes con Fondo II, impartirá estes obradoiros dirixidos a centros de ensino, especialmente a alumnado de 14 anos en diante. Ata 10 entidades socias poderán beneficiarse desta actividade. +info
  • Exposición 'Galicia-Cabo Verde: unha irmandade' acompañada dunha actuación de Batuko Tabanka. O grupo musical integrado por mulleres caboverdianas afincadas na Mariña lucense ofrecerá unha breve charla sobre o país lusófono e interpretará varios dos seus temas. Ata 10 entidades socias poderán beneficiarse desta actividade. +info
  • Exposición 'As nenas e nenos soldado' acompañada dunha charla sobre esta temática. Roberto Mansilla, analista do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) profundará no problema da utilización de menores de idade en conflitos armados.

Cómpre ter en conta que cada concello/deputación socia do Fondo Galego só se pode beneficiar dunha destas actividades.

Contos da Tropa de Trapo

A Tropa de Trapo ofrecerá unha xira rural dos seus 'Contos coas mans abertas', enfocados ao público de máis idade. Cunha narración áxil, música en directo e humor, levarán a escena tres historias que apostan polo empoderamento das mulleres, o traballo cooperativo ou a solidariedade. Ata 10 entidades socias poderán beneficiarse desta actividade. +info

Tecendo polo cambio

Tres concellos de ata 10.000 habitantes poderán beneficiarse desta actividade na que, ademais de calcetar, se fomentará o diálogo e coñecemento sobre temáticas sociais e solidarias. ao tempo que se prepara unha obra colectiva que culminará nun acto de "yarn bombing". +info

O prazo para que as administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xa está aberto e prolongarase ata o 18 de abril.