Aviso:

[Pechar}


Santiago de Compostela 2015-04-01

As imaxes da pobreza en Europa impactan en Bissau a través do proxecto Causas Comúns

- "Pola televisión só nos chegan o fútbol e as telenovelas", explicou o presidente da Plataforma de ONGD de Bafatá na presentación organizada polo Fondo Galego.
- A iniciativa levou as fotos de Gabriel Tizón ás aldeas das que sae a emigración clandestina e trouxo a Galicia unha exposición sobre a realidade africana.

Rocío Botana, Gabriel Tizón e Boubakar Djalo na presentación de Causas Comúns."Ninguén podía crer que en Europa houbera persoas que viven na rúa ou que piden esmola". Con esta sorpresa reaccionou a poboación africana ás fotografías da mostra  'Europa, realidade dun soño', autoría de Gabriel Tizón, que está a xirar por Guinea Bissau no marco do proxecto Causas Comúns, cofinanciado polo Fondo Galego de Cooperación e o Concello de Pontevedra. Así o explicou o presidente da Plataforma de ONGD de Bafatá, Boubakar Djalo, na presentación que onte tivo lugar en Santiago de Compostela.

Era a primeira vez que acollían unha exposición fotográfica na rexión e, segundo o guineano, fíxolles cambiar a concepción do vello continente, pois "na televisión e nos xornais só aparecen dúas imaxes: o fútbol e as telenovelas, os demais acontecementos non se mostran". As fotografías sobre a pobreza e o recorte de dereitos en Europa están a percorrer distintas aldeas do rural "porque de aí sae o 85% da emigración clandestina", indicou Djalo.

No entanto, Gabriel Tizón precisou que o proxecto "non pretende aleccionar". "En ningún momento lle dixemos a ninguén que non emigrara, só facilitamos información", comentou o fotoxornalista, que ademais compartiu o seu oficio nun obradoiro con fotógrafos guineanos "porque eles son quen teñen que contar o que acontece no seu país".

A traballadora social Rocío Botana, que tamén participou da iniciativa sobre o terreo, incidiu en que Causas Comúns busca "tender pontes" e, de feito, xa é máis ca un proxecto fotográfico. Alén das formacións impartidas para asociacións que buscan dar resposta ás necesidades da zona, xurdiron grupos de traballo con diferentes entidades e hoxe o proxecto encamíñase xa cara actividades culturais e de comunicación. Todo isto "sen caer na pena nin na caridade, cedéndolle o protagonismo á poboación local", insistiu Tizón durante o acto.

A Asemblea aprobou por unanimidade os diferentes puntos da orde do día.Tras esa primeira fase en Guinea Bissau, Causas Comúns vén de regresar a Galicia coa exposición  'África, soños e mentiras', que nestes intres se amosa en Pontevedra e que a partir do verán visitará diferentes concellos socios do Fondo Galego. O obxectivo do proxecto é informar e sensibilizar a través da fotografía como idioma común, tanto ao pobo galego como ao guineano, sobre o incumprimento dos Dereitos Humanos en África e en Europa.

Así quedou patente esta mañá na presentación que tivo lugar na Fegamp tras a Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Na derradeira xuntanza da lexislatura expúxose o Plan de actividades para 2015, que xirará arredor do décimo aniversario de Vacacións con Traballo, o programa de voluntariado internacional dirixido a persoal das administracións socias. Tamén se aprobou o balance económico de 2014 e o orzamento previsto para o presente exercicio.