Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-08-11

Catorce axentes de cooperación presentan quince proxectos no Sur á convocatoria do Fondo Galego

A Asemblea Xeral resolverá previsiblemente en outubro que actuacións se cofinancian.

 

Xuntanza do Consello Municipalista da Cooperación.

Catorce axentes de cooperación galegos ou con sede en Galicia concorreron á convocatoria de proxectos de desenvolvemento aberta polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade neste ano 2014. O prazo de entrega das propostas pechouse o pasado 7 de xullo, cun total de 15 proxectos recibidos. A Asemblea Xeral resolverá previsiblemente en outubro que actuacións se cofinancian. Tanto o número de solicitantes como o de proxectos presentados a esta convocatoria reducíronse levemente respecto do exercicio anterior, cando 15 ONGD elaboraron 17 propostas.

A gran maioría das solicitudes corresponden a organizacións non gobernamentais: Amigos da Terra, Amigos Escaes-Perú, Arquitectos sin Fronteras, Asociación Natura Hispánica, Enxeñería sen Fronteiras, Fundación Cume, Fundación Fabre, Fundación Madreselva, Implicadas no Desenvolvemento, Intered, Médicos del Mundo e Taller de Solidaridad. No entanto, como novidade tamén presentaron iniciativas a Universidade da Coruña e o Departamento de representación e teoría arquitectónicas da propia UdC.

As intervencións concéntranse nun total de nove países: Nicaragua (3), Perú (3), Bolivia (2), Mozambique (2), El Salvador (1), Guatemala (1), Honduras (1), India (1) e Senegal (1). Os eidos de actuación nos que se encadran son educación, xestión do recurso hídrico, soberanía alimentaria, abastecemento de auga e saneamento, turismo sustentable, desenvolvemento socioeconómico local, participación democrática e sociedade civil, saúde reprodutiva e desenvolvemento rural. 

As bases deste ano debatéronse no Consello Municipalista de Cooperación, órgano consultivo do que están convidados a participar os axentes do sector. Agora, unha comisión técnica constituída por representantes de diferentes deputacións e concellos encargarase de avaliar as propostas, aínda que será a Asemblea de socios quen aprobe a resolución da Comisión Executiva. O Fondo Galego destinará en 2014 un mínimo de 100.000 euros a subvencionar a execución de proxectos de desenvolvemento nos países do Sur de xeito indirecto, é dicir, a través dos axentes de cooperación con presenza en Galicia.