Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-04-28

Caxade: "O importante é contar con cidadanía crítica que pase da teoría á práctica"

O músico de Ames protagoniza a Ollada Externa do boletín dixital 'Infórmate a Fondo', que tamén leva unha entrevista coa vicepresidenta do Fondo Galego, alén de informar sobre as últimas novidades da entidade.

Ve a luz o último número do boletín trimestral 'Infórmate a Fondo', que desta volta se pecha cunha entrevista a Alonso Caxade, cando está a punto de saír á rúa un novo disco no que seguirá mantendo o seu carácter reivindicativo. A publicación electrónica que recolle as novas máis recentes do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade arrinca, no entanto, cun resumo do novo plan de actividades e unha entrevista á vicepresidenta da entidade, Teresa París, que salienta a unidade acadada na última lexislatura.

O IAF 141 tamén amosa nunha galería gráfica as xuntanzas que a presidenta da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, María Helena Correia, mantivo con varias alcaldesas galegas, así como as bases do programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, que está a piques de pechar o prazo de recepción de solicitudes. O Seminario Internacional de Educación para o Desenvolvemento ou a reincorporación de Cambados ao Fondo Galego centran algunhas das fotonovas.

Infórmase asemade sobre o chamamento á solidariedade con Ecuador para financiar un proxecto de post emerxencia tras o terremoto do 16 de abril e mais da reconstrución dun centro sanitario que se está levando a cabo nos campamentos saharauís logo das graves inundacións do outono, entre outros temas de interese para as persoas e organizacións comprometidas coa solidariedade internacional desde o local.