Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-04-26

Chamamento á solidariedade con Ecuador

O Fondo Galego destinará 5.000 euros a un proxecto de post emerxencia tras o terremoto e solicita ás administracións socias que contribúan coas súas achegas.  

A intervención de post emerxencia será precisa para paliar os numerosos danos.O 16 de abril un terremoto de 7,8 graos golpeaba duramente a cidades e comunidades da costa de Ecuador, deixando arredor de 600 persoas mortas e milleiros feridas e desprazadas. Atendendo á preocupación do municipalismo polo acontecido, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinará a un proxecto de post emerxencia 5.000 euros da súa reserva para casos deste tipo, contía que poderá incrementarse a posteriori.

Do mesmo xeito, tendo en conta a vocación solidaria das deputacións e concellos e a súa disposición a colaborar, fai un chamamento para que canalicen as súas contribucións a través do Fondo Galego. Como en anteriores ocasións, desde cada concello ou deputación poderá achegarse a contía que se estime oportuna, de xeito voluntario, na conta ES78 2080 0209 5630 4001 6786 de Abanca, indicando como concepto a palabra “Ecuador”.

Alén destas aportacións, agradécese tamén calquera achega de persoas individuais, grupos e todo tipo de entidades que non desexen permanecer impasibles ante esta catástrofe. Entre todas e todos dotarase un fondo común que permita poñer en marcha un proxecto liderado por algunha entidade de referencia e con experiencia acreditada no país.

Chamamento á solidariedade con Ecuador