Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-10-08

Chema Caballero: "Hoxe hai cando menos 300.000 nenas e nenos que están a ser utilizados como soldados"

O coordinador da ONG DYES estivo nas redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para falar sobre a súa experiencia en Serra Leoa como director dun programa pioneiro de rehabilitación de nenas e nenos soldado, así como de múltiples cuestións relacionadas con África e coa cooperación para o desenvolvemento, despois da recente aprobación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

No ciberencontro, que tivo lugar o pasado mércores 28 de setembro, Caballero profundizou en temas como a falta de vontade política e de financiación para a reinserción de nenas e nenos soldado o que está a supoñer a súa “volta aos grupos armados”.

Así mesmo, destacou como o efecto do cambio climático en África e no contexto global, como “nova fonte de conflitos”, a recente aprobación dos ODS que, a diferenza dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), abordan as causas de problemas como a pobreza aínda que, recoñece, “na súa definición tiveron un gran peso, tanto potencias como corporacións”.

O #EncontroCaballero, como se denominou a charla, enmárcase no programa #Alén2015, posto en marcha pola entidade municipalista en 2014 co propósito de avaliar os ODM e coñecer as propostas de diferentes axentes da cooperación e ONGD para a Axenda de Desenvolvemento Post-2015 que se vén de definir na 70 Asemblea Xeral da ONU, celebrada do 23 ao 25 de setembro en Nova York.

Chema Caballero (Badaxoz, 1961). Blogueiro e cooperante. Licenciado en Dereito, realizou un Máster en Dereitos Humanos e resolución de conflitos. Dirixiu un programa de rehabilitación de nenas e nenos soldado en Serra Leoa (África) durante máis de dúas décadas.
Foi Perito en menores soldado para o Tribunal especial para Serra Leoa. Na actualidade, é coordinador da ONG DYES, coautor do blog "África no es un país" en El País, colaborador de Planeta Futuro, autor do blog "Bajo el mango" de Mundo Negro Digital e autor do libro "Os homes leopardo están a extinguirse", entre outros.
 

1. Que balance fas dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e que recomendacións suxires para a Axenda Post-2015, tendo en conta o marco no que se desenvolven os encontros #Alén2015?

Creo que o feito de que se tivo que aprobar unha nova axenda de desenvolvemento (ODS) o pasado fin de semana xa indica que as metas fixadas no ano 2000 non se alcanzaron na súa totalidade.

Os ODM tiveron varios fallos nos seus inicios, entre eles:
- Non tiñan en conta as causas da pobreza, só as súas consecuencias, e por tanto, nunca poderían terminar con ela.
- Estaban deseñados polo Norte para solucionar os problemas do Sur.
- Non se deu voz aos países do Sur para que expresasen cales eran os seus principais problemas e prioridades.
- Non tiñan en conta o medio ambiente.

Os ODS tiveron en conta estas deficiencias e tentaron solucionalas. Trátase de 17 obxectivos mundiais que teñen como obxectivo de lograr erradicar a pobreza extrema, combater a desigualdade e a inxustiza e solucionar o cambio climático.
Con todo, non podemos ignorar que se conseguiron avances moi concretos e beneficiosos para a maioría da poboación africana en campos moi concretos nestes últimos 15 anos. Sobre todo, no campo da educación ou dalgunhas enfermidades.

2. Cal sería, se puidese escoller (e pídolle que o faga), de xeito amplo, o conflito ou problema máis importante en África (refírome á fame, ás guerras, ao cambio climático, á política...)?

Non sabería cal escoller, creo que todos están interrelacionados. Ademais, nos últimos anos, cada vez está máis claro que o cambio climático será fonte de novos conflitos.

Non esquezamos que África é quizais o continente máis afectado polo cambio climático. Sofre as consecuencias máis que outros, non o causa e non ten os medios, como os países do norte, os máis responsables, para combatelo.

Fame e guerra están interrelacionadas e son causa directa da cobiza de Occidente, que só quere os recursos naturais de África e para conseguilo non escatima medios.

3. Pode destacar o punto máis positivo, a virtude ou recurso máis importante dun contexto tan complexo e amplo coma o africano?

Creo que o máis positivo na África actual, a pesar de todos os problemas, é que as cousas están a cambiar aos poucos para ben, sobre todo grazas aos mozos que cada vez están máis formados, mellor informados e por encima de todo, conectados co mundo exterior.
O último gran exemplo disto é o que pasou en Burkina Faso estes días e a forza dos mozos organizados no movemento Le Balai Citoyen.

4. Por que África é o continente esquecido?

Creo que África é o continente esquecido porque non nos interesa. Interésannos as súas materias primas e as posicións xeoestratéxicas que garante pero non nos interesan os africanos, sóbrannos e moléstannos. Por iso, a pesar de estar tan preto de nós, vivimos de costas a ela.

5. Interésame o tema dos nenos soldado. Creo que se sabe pouco mediaticamente sobre o tema. Cres que dende as institucións faise o posible para que estes nenos crezan nun contexto apropiado? Que lembranza tes da túa experiencia en Serra Leoa?

Movémonos por modas, hai anos eran os nenos soldados, hoxe son os refuxiados, mañá... Pero despois de poucas semanas o tema esquécese e non interesa máis. Hoxe seguen existindo cando menos 300.000 nenos e nenas que están a ser utilizados como soldados. Sobre todo en África pero tamén noutros continentes.

A pesar da lexislación internacional e das declaracións de boas intencións, os gobernos e as institucións que teñen nas súas mans poder facer algo, non teñen a vontade política para facelo.

Eu dediquei varios anos da miña vida á rehabilitación e reinserción de nenos e nenas soldados en Serra Leoa. Foron anos duros e difíciles, porque eramos os primeiros que nos propoñiamos facer algo así. Tivemos que aprender dos nosos erros, pero ao final demos cun programa que axudou e está a axudar noutros países a estes nenos e nenas.

A diferenza é que agora xa non están de moda e poucas persoas se preocupan deles. Non hai diñeiro suficiente para traballar con eles e iso fai que en vez de estar nos programas de 6 meses a 1 ano, estean só 6 semanas. Non se rehabilitan e volven aos grupos armados.

6. Que pensas das cooperativas que se crean para fomentar o traballo?

Creo que son moi necesarias. A miña experiencia é que axudan, sobre todo ás mulleres e aos mozos, porque contribúen a unir forzas, buscar solucións conxuntamente e compartir riscos, sobre todo, en países onde a cultura tradicional, dominada polos homes, é moi forte e custa cambiar tradicións.

7. Pode sinalar algunha das razóns polas que se continúa apostando pola cooperación internacional ao uso (véxase a nova axenda ODS) e se evita falar do sistema/operadores en termos de corresponsabilidade/anticooperación para co devir do continente africano?

Séguese falando/usando a cooperación internacional porque tal e como está exposta responde a axendas ocultas, como facilitar os intereses políticos e económicos das grandes potencias.

Os ODS, como dicía anteriormente, cambiaron o punto de vista, céntranse nas causas, pero o peso das grandes potencias e as grandes corporacións ou doantes (o chamado filocapitalismo) influíron moito neles para salvagardar os intereses deses países e das grandes multinacionais.

Afortunadamente, hai moita xente que está a loitar porque as cousas sexan distintas e a cooperación fágase de forma distinta.

8. Nos máis de 20 anos que levas no continente, dirías que ten mudado a imaxe que os medios nos ofrecen de África? Coñeces casos de radios comunitarias que estean a contribuír a mellorar a vida das persoas?

Cada vez son máis as radios comunitarias que xorden no continente. Eu mesmo axudei a montar unha en Madina, na selva de Tonko lImba, en Serra Leoa, que está a facer un papel fundamental na formación e información das persoas da zona.

Tamén xogou un papel fundamental na loita contra o ébola. Igualmente, en Sudán do Sur, por dar outro exemplo, varias radios xogan un papel similar, ademais están a axudar a informar os menores para evitar que sexan recrutados como soldados.

9. Os medios contribúen a mediatizar a inmigración? Por que os sirios están “mellor vistos” de cara á opinión pública que os africanos?

Os sirios están mellor vistos que os africanos porque están de moda, como diciamos antes. Alemaña está a utilizalos para conseguir man de obra especializada barata.

Hai decenas de sirios na fronteira de Melilla e o noso goberno non lles fai ningún caso. Os africanos sempre son vistos con receo, témoslle medo, son demasiado diferentes a nós.

10. Que ten que pasar para que África sexa un continente non digo eu desenvolvido, senón emerxente?

Para que África sexa un continente emerxente tería que ser tratado de igual a igual polos outros. Tería que ter as mesmas posibilidades e as mesma oportunidades de acceder ao comercio internacional a compartir tecnoloxía, tería que ser dono dos seus recursos naturais e esixir por eles os impostos e ‘royalties’ xustos. Mentres non sexa recoñecido como un igual pola comunidade internacional non o conseguirá.

Por iso son os mozos os que teñen que loitar para que as cousas sexan distintas nun futuro próximo. Eles están mellor formados e conectados que os seus maiores.

Pero sobre todo, África debería estar unida e falar cunha soa voz ante a comunidade internacional.

11. É terrible o dos nenos soldado pero crees que se podería "rehabilitar" aos máis adultos dunha forma similar unha vez pagasen as súas contas coa xustiza, se as houbese, claro. Á mantenta, en Siria denunciaron tamén a utilización de nenos soldados pensas que pode ser máis difícil alí coa influencia do EI?

A rehabilitación dos adultos é moito máis complicada que a dos menores porque non adoita haber programas que aborden os seus traumas e as causas que lles levaron a alistarse.

Normalmente os programas existentes consisten en desarmarlles e darlles un pequeno diñeiro que lles permita regresar ás súas aldeas, ás veces permíteselles unirse ao exército. Nalgúns países seguiron sendo fonte de conflito ao longo dos anos, como sucedeu en República Centroafricana.

O Estado Islámico, do mesmo xeito que Boko Haram que lle xurou fidelidade, utiliza moitos menores e son grupos cos que ata agora non se conseguiu negociar.

Realmente non se sabe cantos menores teñen nas súas mans, como os tratan e manipulan... polo que é moi difícil negociar con eles para conseguir a súa liberación. Debe ser tanta a violencia á que están sometidos que será moi difícil a súa rehabilitación.

Liga o sorteo dende a túa web:
Sorteo #EncontroCaballero

Resultado do sorteo

Un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi: Raúl Pinheiro