Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-09-27

Chema Caballero revélanos a súa experiencia en África con nenas e nenos soldado, a migración ou o ébola

- O coordinador da ONG DYES fala do seu traballo en Serra Leoa durante máis dunha década, así como dos principais temas que afectan actualmente ao continente africano.
- O encontro dixital terá lugar o mércores 30 de setembro nos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego, entre as 16.30 e as 18 horas.

Chema Caballero colabora con diversas publicacións.O exmisioneiro xaveriano e coordinador da ONG DYES, Chema Caballero, visitará as redes sociais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para abordar a súa experiencia na rehabilitación de nenas e nenos soldado durante máis dunha década en Serra Leoa, así como temáticas globais, como a migración ou o ébola, que teñen a súa orixe no continente africano pero cuxas pegadas chegan ata os países do Norte, onde esmorecen  condicionadas pola repercusión mediática.

A conversa levarase a cabo o mércores 30 de setembro entre as 16.30 e as 18 horas nos perfís de Facebook e Twitter da entidade municipalista, tres días despois de que se aproben os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que relevarán aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), cuxa avaliación e valoración constitúe a base do programa de encontros dixitais #Alén2015, postos en marcha en xaneiro de 2014 polo Fondo Galego.

Os 17 obxectivos e 168 metas aprobadas por máis de 150 mandatarios mundiais esta fin de semana no Cumio Mundial das Nacións Unidas que se celebra en Nova York, marcarán a Axenda de Desenvolvemento Sostible ata o ano 2030. Trátase dunha "oportunidade histórica para cambiar o mundo para mellor", en palabras de Sam Kutesa, presidente da Asemblea Xeral das Nacións Unidas, e que contemplan cuestións tan relevantes como erradicar a pobreza, promover a prosperidade e o benestar para todas as persoas, protexer o medio ambiente ou facer fronte ao cambio climático a nivel mundial.

#EncontroCaballero
Para participar no ciberencontro existen diferentes vías, co fin de adaptarse ás necesidades de cada participante. En directo, as dúbidas deben expoñerse no apartado "comentar", debaixo da fotografía de Chema Caballero que se subirá ao muro do perfil de Facebook do Fondo Galego ás 16.30 horas do mércores 30 de setembro. Se se prefire participar dende o Twitter, as cuestións pódense formular co hashtag #EncontroCaballero.

Por outra banda, aquelas persoas que non poidan estar á hora fixada para a conversa, poden deixar as súas preguntas neste formulario con carácter previo; no Facebook, no espazo reservado a comentarios nos post que anuncien o encontro ou nunha mensaxe privada; no Twitter, co citado hashtag, ou ben, envialas a fondogalego@gmail.com.

As persoas que acheguen as súas cuestións ao #EncontroCaballero poderán obter un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi, a que escollan do catálogo; e só por participar entrarán nun sorteo dun lote de libros que levaremos a cabo o 23 de decembro, cando finalicen os encontros #Alén2015.

Chema Caballero
Licenciado en Dereito pola Universidade Autónoma de Madrid, realizou un Máster en Dereitos humanos e resolución de conflitos. En 1992 chega a Serra Leoa (África), onde durante dúas décadas dirixe un programa de dereitos humanos, recuperación e reinserción de menores soldados (proxecto que foi modelo para outros países), así como de desenvolvemento. Neste senso, foi perito en menores soldado para o Tribunal especial para Serra Leoa.

Exmisioneiro xaveriano, na actualidade é coordinador da ONG DYES e  autor do blog 'Bajo el mango' de Mundo Negro Digital, coautor do blog 'África no es un país' en El País, colaborador de Planeta Futuro no mesmo diario e autor do  libro 'Os homes leopardo están a extinguirse', entre outras publicacións.

#Alén2015
O programa de encontros dixitais #Alén2015 púxose en marcha en xaneiro de 2014 a través de doce charlas online mensuais coa finalidade de achegar á cidadanía a valoración de diferentes axentes da cooperación sobre a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), que conclúen este mes de setembro, promover o debate e a reflexión en torno a distintas temáticas relacionadas con estas metas definidas pola ONU no ano 2000 e darlle visibilidade ás propostas das persoas convidadas para a nova Axenda de Desenvolvemento Sostible, que se aproba en Nova York dende o 25 ao 27 de setembro e que guiará a cooperación internacional ata 2030.