Aviso:

[Pechar}


Baiona 2013-11-25

Ciclos de Cine e a Tropa de Trapo no 25 de novembro


O 25 de novembro é o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres e son moitas as administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que conmemoran esta data con diferentes actividades.
 

Entre elas, o espectáculo da Tropa de Trapo 'Antía, Wamba e o regato pequeno'. O domingo 24 represéntase ás 18 horas no auditorio municipal de Valga, mentres que o propio luns pasará por Caldas de Reis. Ás 12 horas, darase cita no auditorio da vila alumnado de 4º e 5º de Primaria do CPI Alfonso VIII e dos colexios A Encarnación, San Fermín e San Clemente. O conto chegará ao CEIP de Tarrió, en Culleredo, o venres ás 10.30 horas.

Tamén os concellos de Redondela e Sada acollen ao longo deste mes cadanseu Ciclo de Cine con Fondo para desestruturar os roles de xénero. 'Ágora', 'La sonrisa de Mona Lisa', 'Clara Campoamor, la mujer olvidada' e 'Binta y la gran idea' son os títulos proxectados en distintas localizacións redondelás. As sesións comezaron o 8 de novembro na Asociación cultural de Cidadelle e continuaron o mércores 13 na Casa da Cultura, mentres que o día 14 o visionado tivo lugar na Asociación de veciños de Trasmañó. A actividade pechouse na Sociedade labrego cultural de Reboreda o pasado sábado.

En Sada, as proxeccións iniciáronse o luns 18 con 'Iron jawed angels' no IES O Mosteirón e proseguiron o xoves 21 con 'La sonrisa de Mona Lisa' no IES Isaac Díaz Pardo. O venres desenvolveuse o pase de 'Princesas' na Casa da Cultura e hoxe, 25 de novembro, estudantes do Mosteirón asistirán ao visionado de 'Auga'. O videofórum concluirá o día 28 no instituto Isaac Díaz Pardo.

A exposición xurdida do certame fotográfico 'Imaxes con Fondo' permanecerá asemade ata finais de mes na Casa da Cultura 'Pintor Llorens' de Sada. A mostra, deseñada polo debuxante Pepe Carreiro, está conformada por 19 obras que concorreron ao concurso e que buscan promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade.

 

Ciclos de Cine e a Tropa de Trapo no 25 de novembro