Aviso:

[Pechar}


Monforte de Lemos 2016-05-14

Comercio xusto para loitar contra as desigualdades

Salarios dignos, rexeitamento do traballo infantil, igualdade de xénero e respecto ao medio ambiente son condicións que deberían cumprirse na produción dos alimentos ou a roupa que mercamos pero, por desgraza, para as compradoras e compradores resulta difícil comprobalo, sobre todo cando a mercancía procede de lugares afastados. O consumo de proximidade, baseado no coñecemento e a confianza en quen vende, pode ser unha solución, aínda que tamén temos alternativas coma a do comercio xusto.

Hai máis de vinte anos que en Galicia existe a posibilidade de adquirir produtos baixo esta filosofía, desde que en 1995 abriran as primeiras tendas de organizacións como A Cova da Terra, en Lugo. Desde entón, máis establecementos e entidades se sumaron a este intercambio comercial solidario, que cada vez convence a un maior número cidadás e cidadáns. O sistema económico dominante antepón os beneficios aos dereitos das persoas e ao coidado do medio, de aí que o noso xeito de consumir teña consecuencias a nivel local e global, nun ou noutro senso.

Tamén desde os municipios temos a responsabilidade de promover e concienciar sobre o comercio xusto como vía para loitar contra a pobreza e as desigualdades. Así o facemos as deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en alianza con ONGD como Amarante Setem. Entre outras accións, realizáronse obradoiros para impulsar o consumo responsable e a compra pública ética, xa que as boas prácticas na adquisición de bens e servizos tamén contribúe ao desenvolvemento.

Hoxe celébrase o Día Mundial do Comercio Xusto e varias cidades galegas acollen ao longo do mes actividades promovidas por organizacións do eido da economía social, que nos convidan a sumarnos á loita mentres degustamos café, cacao ou azucre cultivado sen explotación. No ámbito estatal, a Coordinadora de Comercio Xusto chama asemade a sumarse a este movemento internacional a prol da xustiza global, que en España cumpre tres décadas.

Desde o Fondo Galego queremos sumarnos á celebración animando ás deputacións e concellos a promover o consumo responsable, que tamén pasa pola redución e a reutilización, e convidando a aquelas administracións locais que aínda non forman parte da nosa rede a que se fagan socias, como canle para promover a defensa dos Dereitos Humanos. Mellorar as condicións de vida das persoas, nos países do Norte e do Sur, tamén está nas nosas mans.

Gloria Prada
Concelleira de Benestar Social en Monforte e membro da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

*Artigo de opinión publicado no xornal El Progreso con motivo do Día Mundial do Comercio Xusto

Comercio xusto para loitar contra as desigualdades