Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-11-11

Comunicado de apoio ao pobo saharaui

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade manifesta o seu pleno apoio ao pobo saharauí e condena a brutal actuación de Marrocos no desmantelamento do campamento de protesta instalado ás aforas de El Aaiún, nos territorios ocupados do Sahara Occidental.

A intervención criminal protagonizada polo exército e as forzas policiais marroquís é unha mostra máis da agresión constante á que o reino alauí somete á poboación saharauí dende hai 35 anos, sen que a comunidade internacional tome medidas. A situación agrávase co ferrollo informativo botado por Marrocos, impedindo a entrada dos xornalista na zona, noutra clara violación dos dereitos e liberdades fundamentais.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade esixe que Marrocos cumpra o Plan de Arranxo subscrito en 1990 con mediación de Nacións Unidas e da Organización para a Unidade Africana, e que se celebre o referendo de autodeterminación acordado por ambas as dúas partes neste documento.
A asociación municipalista reclama un compromiso decidido dos organismos internacionais, nomeadamente da ONU e a UE, amais dunha meirande implicación do Goberno de España, pola súa responsabilidade histórica tras un pésimo proceso de descolonización. O Fondo Galego agarda que as institucións internacionais adopten medidas fronte a impunidade coa que Marrocos continúa actuando no Sahara Occidental e que o Estado Español manifeste o seu firme rexeitamento á escalada represiva.

A poboación saharauí áchase nunha situación límite pola pasividade das entidades internacionais e a carencia dunha resolución definitiva do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. Os desprazados aos campamentos de refuxiados de Tindouf (Arxelia) están a padecer a crecente escaseza de servizos básicos e de aprovisionamento por mor dos recortes na axuda humanitaria. Os residentes nos territorios ocupados viven baixo a continua ameaza dun réxime militar que viola sistematicamente a legalidade internacional e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos con asasinatos, secuestros e torturas.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aposta pola saída dialogada ao conflito, que conleva a posta en práctica do Plan de Arranxo e o cesamento inmediato da violencia. Ao mesmo tempo, requírese a neutralidade dos gobernos de Estados Unidos e Francia neste proceso. O Fondo Galego dá, asemade, o seu apoio ás iniciativas civís que se organicen a prol pobo saharauí.

Comunicado de apoio ao pobo saharaui