Aviso:

[Pechar}


Baiona 2015-04-19

Cooperativas de Guatemala e Galicia informan sobre economía social en concellos socios

- Culleredo, San Sadurniño, Begondo e Abegondo son as primeiras vilas que acollen estes encontros con iniciativas locais e coa guatemalteca B'eljuj Q'anil.
- O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade cofinancia un proxecto con Arquitectura sen Fronteiras para apoiar á cooperativa centroamericana.

Traballadoras da cooperativa guatemalteca de materiais de construción.Cooperativas de Guatemala e Galicia están a participar en encontros para dar a coñecer estas iniciativas de economía social en concellos socios do  Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A actividade vincúlase ao proxecto de cooperación para o desenvolvemento financiado a Arquitecturas sen Fronteiras (ASF) para apoiar á cooperativa B'eljuj Q'anil, dedicada aos materiais de construción.

Baixo o título 'Coop é activas, procesos de autodesenvolvemento cooperativo', as xornadas deron comezo en Culleredo coa participación de Inda Iniciativas, dedicada ao desenvolvemento económico, social e cultural. En San Sadurniño terán lugar este luns día 20, ás 16.30 horas na Casa da Cultura, coa presenza de Tagen Ata, centrada na teleformación. A cita en Bergondo é o día 23 de abril no edificio sociocultural da Senra, ás 18 horas, coa experiencia de cultivo de lúpulo Lutega, mentres que o 5 de maio estará co mesmo horario, na aula multimedia de Abegondo, Hábitat Social, que aúna arquitectura, urbanismo e ciencias sociais.

Canda estas propostas de cada municipio, interveñen asemade a cooperativa Mulleres Colleiteiras, promovida por ASF na Coruña, que avoga polo autoemprego de mulleres en situación de exclusión social a través da xestión do aceite doméstico usado, e a cooperativa guatemalteca B'eljuj Q'anil, que entra por videoconferencia. As charlas son abertas a todo tipo de público e, tras a presentación das diferentes experiencias, ábrese un debate para intercambiar impresións e profundar nos procesos de autodesenvolvemento comunitario a través do traballo cooperativo, tanto en contextos internacionais como locais.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade cofinancia o proxecto de Arquitectura sen Fronteiras en Guatemala para fortalecer a cooperativa de materiais de construción B'eljuj Q'anil, onde ademais os beneficios se invisten en necesidades comunitarias. Apóianse así os procesos de desenvolvemento en 16 comunidades campesiñas do municipio de Champerico, coa Asociación indíxena agropecuaria pro desenvolvemento rural como parceiro en terreo. Búscase mellorar a xestión e a produtividade a través de formacións, a diversificación da oferta, campañas para ampliar mercado, visitas de intercambio, mellora de instalacións, etc. Ao tempo reactívase a organización e participación da veciñanza, sobre todo das mulleres.