Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-05-03

Daniel G. Palau: "A importancia do Fondo Galego é ser unha institución que vincula o local co global, para comprendelo e axudar a transformalo"

O secretario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade estivo nas redes sociais da entidade o pasado xoves 30 de abril para, entre outras cuestións, facer balance dos proxectos e actividades da organización, falar do futuro da mesma -que este mes conclúe a lexislatura 2011-2015- e achegar múltiples razóns para a continuidade do Fondo Galego como "unha maneira de estar no mundo", ao tratarse dunha institución que vincula o local co global, "para comprendelo e axudar a transformalo", animando así a aquelas administracións locais e provinciais galegas que aínda non forman parte da Rede Municipalista Solidaria, a que se sumen a ela.

O #EncontroFondo, como se denominou a conversa, enmárcase no programa #Alén2015, posto en marcha pola entidade en 2014 co propósito de avaliar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) e coñecer as propostas de diferentes axentes da cooperación e ONGD para a axenda de cooperación post 2015 que se definirá este ano.

Daniel González Palau (Barcelona, 1982) é licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especializado en Xestión da Cooperación Internacional. Realizou prácticas de cooperación en Nicaragua e co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
No Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) ten participado en distintas investigacións. Entre 2009 e 2011 foi técnico de sensibilización do Fondo Galego e dende outubro de 2011 é secretario da mesma entidade.

1. Que balance fai o Fondo Galego dos ODM e que recomendacións se suxiren dende a entidade para a axenda post 2015?

Para o Fondo Galego os ODM son case constitucionais. O Fondo nace no 1997, logo dun proceso de reflexión de anos que promoveu o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) desde o comezo dos anos 90 vinculado á pertinencia da acción exterior de Galicia.
Desde o 2000 está presente en toda a súa liña discursiva, ao asumir que o Fondo é unha prolongación desde as autoridades locais galegas do sistema ONU. Houbo ciclos de conferencias, edicións de materiais explicativos, unha exposición circulante, e mesmo unha declaración institucional do Parlamento de apoio aos ODM que promoveu o Fondo Galego.

Para o Fondo, os ODM foron o mellor marco para visibilizar dunha maneira compacta os obxectivos da cooperación internacional en canto ao desenvolvemento e tamén para poder medilos.

En canto aos ODS, o Fondo Galego aínda non se pronunciou, mais si que comezamos a reflexión desde o ano pasado con estes encontros #Alén2015. Todos os materiais vinculados ás Xornadas que tivemos o 10 de decembro de 2014 son moi recomendables.

2. Empezaches no Fondo Galego facendo prácticas. Como evolucionou a entidade dende entón? Hai algún tipo de protocolo ante unha catástrofe de semellante magnitude como a de Nepal?

Si, no 2009 realicei prácticas no Igadi e desde aquela o planeta parece que acelerou as súas crises estruturais. Catro meses despois de realizar as prácticas comecei a traballar coma técnico de sensibilización. Coma estes anos están marcados pola crise económica, entre nós, puiden ver coma o compromiso coa cooperación internacional desde a administración autonómica e municipal se desinflou.

Ao respecto de Nepal dicir que o Fondo tradicionalmente abría contas de emerxencia entre os socios, para estudar posteriores accións. Nesta lexislatura, na que o noso orzamento total se reduciu en máis dun 50%, decidimos que en situacións de emerxencia o mellor que podiamos facer era apoiarnos en organismos do sistema ONU, como ACNUR ou UNRWA España.

3. Como poden participar no Fondo as persoas empregadas dos concellos que non colaboran co Fondo?

Institucionalmente, o mellor mecanismo sería contactar coa representante política do concello ou deputación e prestarse voluntaria/o a participar das actividades do Fondo e na Rede Municipalista Solidaria (RMS).

4. No futuro próximo, e supeditando loxicamente esta resposta tamén ás descisións xunto cos membros do Fondo Galego, que lugar ocuparía a sensibilización no Norte entre as prioridades da institución?

Nesta lexislatura (2011-2015) consolidamos tres áreas de traballo que se interrelacionan entre si: proxectos, sensibilización/educación e comunicación. Máis do 60% do total dos orzamentos do Fondo foi para proxectos.

Será a Comisión Executiva que saia tralos resultados das municipais quen decida. Previsiblemente, constituirase a finais de setembro ou comezos de outubro. Quen son os socios e as representantes políticas do Fondo Galego? Canto pagan? 

5. Gustaríame saber cales son os criterios socioeconómicos para establecer quen son os vosos socios prioritarios (os criterios culturais, se cadra, son máis evidentes, seica os vosos socios prioritarios actuais son Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú) e se tendes pensado abranguer pobos sen Estado, penso, por exemplo, no pobo sahariano.

O Fondo desde o seu nacemento procura encadrar o seu traballo na lóxica dunha acción exterior galega de seu, integral, aliñada cos dereitos humanos. Así foi dando pasos pequenos.

A definición das áreas prioritarias ten a ven coas particularidades da acción exterior de Galicia, no caso de Cabo Verde e Cuba, e das particularidades do sistema galego de cooperación (ONGD auténticas protagonistas), no de Nicaragua e Perú.

No caso do Sáhara, a Sogaps Galicia fai un traballo fantástico e o Fondo Galego, neste sentido, o que fai nos últimos anos é informar sobre a cuestión, para que non saia da axenda en ningún momento (na medida das nosas humildes capacidades). Nada é descartable, e a Comisión Executiva e a Asemblea Xeral de socios deciden.

6. O meu consistorio, o Concello de Barro en Pontevedra, aínda non é socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Cales serían os tres argumentos principais para facerlle cambiar de opinión e que pase a formar parte deste imprescindible proxecto?

1. Estar no Fondo é unha maneira de estar no mundo, de posicionarse diante da traxedia permanente da televisión.
2. Estar no Fondo introduce na axenda local o aliñamento cos Dereitos Humanos, xenerando actividades arredor deles.
3. Os escasos euros que costaría a cota do Concello de Barro, multiplican a produtividade dos euros nos países onde traballamos.

7. Prestará o Fondo Galego axuda de urxencia en Nepal?

O Fondo Galego conta cuns recursos humanos limitados e unha estrutura moi precarizada de maneira abrupta nos últimos catro anos. De aí que non teñamos capacidade, de ningunha maneira, de realizar unha intervención agora mesmo en Nepal.

Pensamos que é máis útil facela cando as televisións deixen de emitir sobre Nepal. Xa que todos os terremotos teñen raíces previas e posteriores moi importantes. Unha das marabillas deste ano en #Alén2015 será contar con Iolanda Fresnillo, que leva esta investigación, imprescindible sobre o caso de Haití.

8. Que próximos proxectos ten previsto o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade?

É unha boa pregunta. Cando comezamos a lexislatura 2011-2015, en outubro de 2011, o obxectivo foi non desaparecer, non renunciar ao espazo local dos dereitos humanos universais en Galicia. A Comisión Executiva sacou adiante o manifesto "A crise non poderá coa solidariedade do municipalismo galego".

O futuro pasa por definir as Liñas Estratéxicas para a lexislatura 2015-2019 coa nova Comisión Executiva. E claro, non renunciar a acción exterior de Galicia, a #MarcaGaliza e ao compromiso serio cos #DereitosHumanos.

9. Como augurades o futuro do Fondo Galego nos próximos anos? Pensastes nalgún momento en incluír socios procedentes do sector privado? Notades que a causa da crise o número de concellos socios diminuíu? Canta xente traballa con dedicación exclusiva para a entidade?

1. O activismo arredor da cooperación internacional vive un momento de definicións, o futuro do Fondo Galego non será alleo a estas definicións. Hai luz alén das convocatorias de proxectos?

2. Nos Estatutos do Fondo Galego está aberta esta posibilidade, mais polo de agora non se profundizou nesa liña, alén de colaboracións puntuais con empresas particulares, coma DangaDanga que grabou os vídeos sobre Vacacións con Traballo (VcT).

3. Na secretaría traballamos tres persoas, só eu a tempo completo. Ademais, contamos cos servizos dunha autónoma para a comunicación. A capacidade de actividade do Fondo Galego pasa pola implicación das persoas que traballan e colaboran co Igadi e o modelo de traballo en rede do Fondo Galego: a Rede Municipalista Solidaria.

Para ser socio do Fondo hai que designar unha representante política e outra tésnica. Sen este modelo traballado ao longo de 18 anos, todo isto sería imposible.

10. Achas desfasado o eixo Norte-Sur como concepto de cooperación ante a globalización do neocolonialismo?

Persoalmente penso que si. Que hai Sur no Norte e Norte no Sur. A nivel institucional, temos que escoller convencións da linguaxe.

11. Canto se reduciu a axuda pública galega ao Terceiro Mundo?

Segundo os datos da Coordinadora Galega de ONGD, reduciuse en máis dun 60%.

12. Canto é ou foi o proxecto de cooperación internacional co que botou máis tempo o Fondo Galego? E cal é o proxecto que absorbeu máis recursos económicos de todos os programas desenvolvidos pola organización? 

Non sei se darei unha resposta científica, pero inténtoo. Penso que o proxecto con maior investimento e duración foi a realización do Plan Maestro da cidade de Santiago de Cuba.

E o país ao que se destinou máis fondos económicos foi Cabo Verde. Alá o proxecto con maior profundidade foi a promoción dos plans de equidade e igualdade de xénero ao interior das cámaras municipais, xunto ao Instituo Cabo-verdiano para a Igualdade e Equidade do Género (ICIEG)

13. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén facendo nos últimos tempos unha aposta clara pola comunicación, sobre todo online. Cales son os motivos que vos levaron a reforzar este área? Recomendaríades un esforzo maior neste senso dentro do sector e tamén aos concellos?

O principal motivo foi a necesidade da presencia, de xerar o noso espazo propio de comunicación. Por que? Pois porque o traballo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nunca entraba nas redaccións do sistema galego de comunicación e dos seus máis importantes actores.

Coma exemplo, o documental realizado con AGARESO sobre os 15 anos do Fondo. Non tivo espazo nin na TVG1 nin na TVG2. Nin ás 21.30 nin ás 02.30.

Desa "non presenza", deriváronse baixas de socios delirantes, coma a do Concello de Guitiriz, cuxo alcalde no 2011 comentou no pleno que o Fondo Galego facía catro anos que non realizaba proxectos de cooperación para xustificar a súa baixa. Rectificaron, pero daquela maneira.

O Fondo entendeu estes anos que os proxectos, a educación e a comunicación deben facer parte do mesmo proceso para gañar en impacto e coherencias.

Aos concellos recomendámoslles que partillen máis e mellor os proxectos e os contidos do Fondo Galego. Ao sector da cooperación, entendendo por sector as ONGD, xa non temos moito máis que dicirlle.

14)

  • Dado o miserabilismo económico ao que foi condenado o Fondo Galego nos últimos tempos por parte da xunta, cales son as penas ou dificultades ás que se enfronta a cooperación internacional descentralizada da Galiza -polo tanto con maior grao de lexitimidade- á hora de distribuír e definir partidas orzamentarias e, ao tempo, tratar de evitar prácticas de anticooperación ou, se se prefire, desempeñar unha outra cooperación?

  • Cales son as contías do Fondo dedicadas á sensibilización social que atendes ás cuestións máis estruturais e cales son as dedicadas ao proxectismo puntual/concesión de subvencións para accións en terreo, a modo de solucións concretas?

  • Cal é a utilidade de realizar envíos económicos para determinadas actuacións se nos países emisores desencadeamos prácticas -en paralelo- que impiden calquera forma de melloría nos países destino? Expórtanse modelos de desenvolvemento que nos países con mellores condicións de vida se sosteñen grazas a que as poboacións destino non se benefician das mesmas?

  • Cal é o nivel de coñecemento e implicación por parte das deputacións/concellos galegos inscritos no Fondo no tocante á cooperación internacional e as realidades dos países empobrecidos? Dedúcese que os non inscritos non teñen ningún?

1. A Xunta de Galicia representa na traxectoria do Fondo Galego máis do 50% do seu orzamento histórico. Desde o 2010, a redución foi fortemente abrupta (falamos de máis dun 80% de recorte á cooperación internacional da administración local de Galicia; do 90% no 2013, ano no que se disolveu tamén a fundación da Illa de San Simón.

2. A área de proxectos representa máis do 60% do total do orzamento do Fondo. O que chamas proxectismo é un debate no que agora non vou entrar.

3. As/os representantes políticas/os do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, como en todo, son moi variados. Hai quen si ten unha boa formación en cuestión de relacións internacionais e cooperación internacional e hai quen co "gusanillo" do Fondo comeza ese proceso.

15. Se estiveras fronte as administracións, que razóns lle darías sobre a importancia do Fondo Galego?

No planeta interconectado onde habitamos, todas as persoas somos interdependentes: da débeda externa ás patentes farmacéuticas ou as migracións ou o cambio climático. A importancia do Fondo é ser unha institución que vincula o local co global, para comprendelo e axudar a transformalo. É unha maneira de estar no mundo.

Ademais diríalles que as cotas de socio non están por riba das nosas posibilidades, se non quizais dalgunhas prioridades.

16. A miña pregunta está relacionada cos proxectos que tedes en mente para despois da vixente legislatura.

Como xa falamos, será a nova Comisión Executiva a que decida sobre o traballo a realizar na próxima lexislatura, que tralas eleccións e a constitución dos novos Concellos e Deputacións deberá comezar a funcionar a finais de setembro-outubro.

O Plan de actividades do 2015 céntrase na X edición de Vacacións con Traballo (VcT) e a idea é que saiamos da lexislatura 2011-2015 cunha folla de ruta para que as persoas traballadoras, funcionarios, persoal laboral, da administración local galega se implique máis e mellor no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

Ademais estúdase a posibilidade de participar nun proxecto conxunto con autoridades locais de Brasil e Mozambique ao longo da lexislatura 2015-2019, e darlle continuidade ao proxecto Urbaferramentas.

Agradecer ás persoas da Comisión Executiva e aos socios do Fondo Galego a súa participación na institución. Sempre é inxusto agradecer de maneira particular, mais Teresa París, presidenta (Concello de Redondela), Isaura Abelairas, vicepresidenta (Concello de Vigo), e Pilar Gallego (Concello de Allariz), foron especialmente relevantes!

E de maneira especial, lembrarme e agradecer a José Luis Quintela a súa participación no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade esta lexislatura (que foi representante polo Concello da Coruña até que foi cesado no 2014).

Liga o sorteo dende a túa web:
Sorteo #EncontroFondo

Resultado do sorteo

Un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi: Beto