Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-11-17

Declaración institucional tras os recentes atentados terroristas, da crise migratoria e de persoas refuxiadas

A propósito dos atentados terroristas acontecidos nos últimos días nas cidades de Beirut e París, que cobraron a vida de máis de 160 persoas e que deixaron feridas a máis de cincocentas, e tras o bombardeo de Francia sobre a cidade de Raqqa (Siria) en resposta a dito atentado, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade amosa a súa repulsa ante calquera acto terrorista e inxerencia bélica levados a cabo en calquera lugar do mundo.

BeirutE sen perder de vista o impacto social que segue a ter en Europa a crise das persoas refuxiadas que foxen de conflitos bélicos latentes (Siria), da inestabilidade de posguerras inacabadas (Afganistán, Iraq, Libia, Túnez, Líbano, etc.) e dos problemas de pobreza, disparidade económica e de desenvolvemento (África), e da opresión dun exército comandado por un estado belicista que practica o apartheith coa poboación de Palestina, reitera o seu compromiso pola defensa e preservación das liberdades e dos dereitos humanos, da solidariedade, de cooperación e do combate dos factores orixinais que inciden nestas crises humanitarias.

Desde o Fondo Galego non comprendemos a actitude restritiva de certos estados da Union Europea con respecto ao acollemento de persoas refuxiadas. Tras a invasión de Irak, máis de 4 millóns de iraquís tiveron que fuxir do seu país, sendo 2 dos mesmos acollidos en Siria (principalmente Damasco), onde recibiron vivenda e as nenas e nenos tiveron a posibilidade de acceder á educación pública. Outros exemplos de países en éxodo son Palestina, Afganistán e a mesma Siria. Mentres países como Líbano (4 millóns de habitantes) ou Xordania (6 millóns) acollen sen miramentos a máis de 2 millóns de persoas que foxen da guerra, a Unión Europea, implicada directamente nesta crise de persoas refuxiadas e con máis de 500 millóns de habitantes, non é capaz de abrirlle as portas a 160.000 persoas que veñen cruzando o continente para ter unha oportunidade de vivir.

Neste sentido, o Fondo Galego de Cooperación reafirma os postulados da súa declaración anterior (8 de Setembro de 2015), redactada a propósito da crise migratoria e das persoas  refuxiadas, ampliando algunhas observacións. Porén, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade considera que: 

1. Desde o 2011 a guerra de Siria é responsable do maior movemento de persoas refuxiadas desde a Segunda Guerra Mundial. A parálise institucional desde aquela altura na Unión Europea (UE) e nos seus Estados membros, produto dos xogos de guerra e xeopolítica, deron lugar á crise de persoas refuxiadas que se alimenta non só do conflito sirio, senón tamén do iraquí ou palestino. Conflitos enquistados onde a participación occidental non só ten sido abertamente recoñecida, senón promovida.

2. No cometido da crise humanitaria derivada das persoas refuxiadas sirias, resulta inquietante observar a proliferación de medidas restritivas e punitivas en materia de libre circulación de persoas, peche de fronteiras e maltrato aos dereitos humanos das persoas refuxiadas por parte de determinados gobernos europeos (Hungría, Eslovaquia, Polonia, etc) que violan sistematicamente diversos principios fundamentais da UE e da libre mobilización dentro do espazo Schengen.

3. Paralelamente, e tomando en conta o terrible impacto dos atentados terroristas en Beirut e París, o Fondo Galego de Cooperación expresa a súa solidariedade coas vítimas, e insta igualmente ás autoridades internacionais e medios de comunicación a expresar igual tratamento informativo, de comprensión e de solidariedade cara aquelas vítimas de recentes atentados terroristas acaecidos en países do norte e do sur, como Turquía, Líbano ou Túnez,  moito mais afectados pola irradiación rexional do conflito sirio tanto en materia de persoas refuxiadas como das actividades terroristas do Estado Islámico. Así mesmo, non se debe perder de vista a renovación da violencia dentro do conflito palestino, con enfrontamentos que se teñen cobrado máis dun centenar de vítimas nas derradeiras semanas.

4. Diante desta situación, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade visibiliza o drama humanitario permanente nas fronteiras, particularmente nas europeas, denunciando as gravísimas vulneracións de dereitos humanos coas persoas migrantes, xa sexan refuxiadas ou non. Hoxe hai no mundo máis de 50 millóns de persoas refuxiadas: na República Centroafricana, Sudán do Sur ou Congo, entre os países máis devastados. Hai que lembrar unha vez máis que cando a crise humanitaria actual saia da axenda mediática, as persoas refuxiadas seguirán aí.

5. Neste sentido, o Fondo Galego insta a intensificar unha campaña masiva de difusión e de información sobre esta tráxica realidade, a das persoas refuxiadas e as crises humanitarias, así como a promover un debate plural e obxectivo sobre as raíces da violencia e do terrorismo. Neste apartado da difusión e da solidariedade, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade insta a tomar en conta a próxima celebración de días internacionais relativos ás raíces destes problemas, entre os que destacan:

- Día internacional de Solidariedade co Pobo Palestino (29 de Novembro)
- Día dos Dereitos Humanos (10 de Decembro)
- Día internacional das Persoas Migrantes (18 de Decembro)
- Día internacional da Solidariedade Humana (20 de Decembro)

6. O Fondo Galego celebra a reacción do municipalismo galego  que abre as portas dos seus Concellos e Deputacións ás persoas refuxiadas e aproveita a ocasión para reflexionar sobre a capacidade crítica e mobilizadora dos poderes descentralizados: temos moito que dicir neste mundo para promover a paz e a xustiza global.

7. O Fondo Galego acompañará a situación de emerxencia actual traballando coma entidade coordinadora dos esforzos solidarios das entidades socias e do municipalismo galego que desexa facer de Galicia un lugar de acollida, e comprometido cos Dereitos Humanos todos os días do ano.

8. O Fondo Galego ofrece o seu traballo e experiencia  para animar a coordinación do diálogo coas distintas administración locais, autonómicas, estatais e comunitarias, que inevitablemente deben participar da construción dunha solución da que non se albisca un final e que precisa plans serios e de longo prazo, que ademais dunhas condicións de vida digna para as persoas refuxiadas trace rutas de saída e inserción social, educativa, laboral...

9. O Fondo Galego solicita á UE e ao Estado español o cesamento das escusas e retrasos na acollida de persoas refuxiadas, xunto a medidas eficaces de promoción da paz: solicitamos compromisos serios e non oportunistas coa Declaración de Dereitos Humanos.

10. O Fondo Galego subliña o rexeitamento de medidas vingativas, comportamentos xenófobos e de odio ao diferente, e aposta pola adopción de comportamentos humanitarios que procuren a construción da paz. Do mesmo xeito, remarca a igualdade entre todas as persoas en calquera parte do mundo.
 

Pontevedra, 16 de Novembro de 2015.