Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2015-09-08

Declaración institucional diante da crise migratoria e de persoas refuxiadas


1. Desde o 2014 a guerra de Siria é responsable do maior movemento de persoas refuxiadas desde a segunda guerra mundial. A parálise institucional desde aquela altura na UE e nos seus Estados membros produto dos xogos de guerra e xeopolítica afondaron unha crise de persoas refuxiadas que se alimenta non só do conflito sirio, se non tamén do iraquí ou palestino. Conflitos enquistados onde a participación occidental ten sido abertamente recoñecida, se non promovida.
 
2. Diante desta situación o Fondo Galego (expresión organizada do municipalismo galego comprometido cos Dereitos Humanos desde o 1997) visibiliza todos os días do ano o drama humanitario permanente nas fronteiras, particularmente nas europeas, denunciando as gravísimas vulneracións de Dereitos Humanos coas persoas migrantes, xa sexan refuxiadas ou non. Hoxe hai no mundo máis de 50 millóns de persoas refuxiadas: na República centroafricana, Sudán do Sur ou Congo, entre os países máis devastados.

Hai que lembrar unha vez máis que cando a crise humanitaria actual saia da axenda televisiva as persoas refuxiadas seguirán aí.

3. O Fondo Galego celebra a reacción do municipalismo galego que abre as portas dos seus Concellos ás persoas refuxiadas e aproveita a ocasión para reflexionar sobre a capacidade crítica e mobilizadora dos poderes descentralizados: temos moito que dicir neste mundo para promover a paz e a xustiza global.

4. O Fondo Galego acompañará a situación de emerxencia actual traballando coma entidade coordinadora dos esforzos solidarios das entidades socias e do municipalismo galego que desexa facer de Galicia un lugar de acollida, e comprometido cos Dereitos Humanos todos os días do ano.

5. O Fondo Galego ofrece o seu traballo e experiencia para animar a coordinación do diálogo coas distintas administración locais, autonómicas, estatais e comunitarias, que inevitablemente deben participar da construción dunha solución da que non se albisca un final e que precisa plans serios e de longo prazo, que ademais dunhas condicións de vida digna para as persoas refuxiadas trace rutas de saída e inserción social, educativa, laboral...

6. O Fondo Galego solicita á UE e ao Estado español non máis escusas e retrasos na acollida de persoas refuxiadas, xunto a medidas eficaces de promoción da paz: solicitamos compromisos serios e non oportunistas coa Declaración de Dereitos Humanos.