Aviso:

[Pechar}


Baiona 2010-09-24

Disponibilízase un documentario sobre o proxecto cofinanciado polo Fondo Galego que levou auga a 700 casas en Cabo Verde

- As familias beneficiarias explican no vídeo cómo a obra contribuíu a mellorar as condicións de vida e a situación sanitaria en Ponta d’Auga, un barrio de Praia

- As mulleres e mais os nenos e nenas poderán agora dedicar o tempo que investían para encher os bidóns en actividades produtivas e en asistir á escola

No web do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está xa dispoñible o vídeo sobre o proxecto que dotou de auga corrente 700 vivendas dun barrio desfavorecido de Praia, a capital de Cabo Verde. A ONG Citi Habitat, parceira principal nesta iniciativa cofinanciada pola asociación municipalista canda a Xunta de Galicia e outras entidades do arquipélago africano, elaborou ao remate da segunda fase este documento audiovisual que testemuña a mellora na calidade de vida das familias.

Nesta segunda fase, á que o Fondo Galego achegou 6.000 euros, ligáronse á rede pública de abastecemento 350 casas de Ponta d’Auga, a mesma cantidade que na primeira fase. Esta obra permite mellorar a situación sanitaria da poboación, xa que mingua o risco de contraer enfermidades. Ao mesmo tempo, contribúe a impulsar a economía das familias, pois pagarán menos pola auga que antes ían recoller aos chafarices. Cómpre ter en conta que son as mulleres e os cativos quen adoitan encargarse desta tarefa, un tempo que agora as donas poderán investir en actividades produtivas e os nenos e nenas en asistiren á escola.

O audiovisual amosa a satisfacción dos beneficiarios e beneficiarias. “Estou moi contenta, porque antes tiñamos bastantes dificultades para conseguir a auga, habiamos de erguernos ben cedo para ir buscala ao chafariz, moitas veces non a conseguiamos e tiñamos que investir máis horas e percorrer unha distancia aínda máis longa para acadar 20 litros, e ás veces nin sequera os conseguiamos”, explica unha veciña. “Estou feliz, preciso da auga para traballar e se non a tivera tampouco tería diñeiro para alimentar a miña familia, porque eu lavo roupa dos veciños, é así como criei aos meus catro fillos, e agora todo será máis doado”, comenta outra muller.

O proxecto implicou á Associação Comunitária para o Desenvolvimento de Ponta d’Agua, á Câmara Municipal de Praia, á firma executora das obras e mais á empresa de abastecemento de auga e enerxía Electra. Deste xeito, un dos efectos colaterais da iniciativa foi que 200 familias que carecían de electricidade ou ben a obtiñan de xeito irregular puideron iniciar os procesos para a instalación de corrente eléctrica.

O acceso á auga potable é unha das metas fixadas pola ONU nos Obxectivos do Milenio á que o Fondo Galego de Cooperación ten aportado o seu gran de area con proxectos no Salvador, Perú, Nicaragua e en varias illas caboverdianas. Na actualidade traballa coa Câmara Municipal de Brava para mellorar o abastecemento na localidade de Baleia. A asociación de Concellos e Deputacións ten aínda en marcha outras dúas iniciativas no arquipélago atlántico: na illa de Maio vanse construír cuartos de baño en 60 casas mentres que en parcería coa Cámara Municipal de Paúl estanse a mellorar as condicións de habitabilidade na localidade de Eito.