Aviso:

[Pechar}


Pontevedra 2016-09-20

Edís galegas intercambiarán experiencias en Mozambique coas súas homólogas

- Concelleiraas de Lugo, Moaña, San Sadurniño e Verín participarán nun encontro coa Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas na última semana de setembro.
- Visitarán o municipio rexido pola presidenta, que xa estivo en Galicia, e supervisarán os proxectos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

As edís de Lugo, Moaña, Verín e San Sadurniño preparan a súa participación no encontro de concelleiras e alcaldesas.Catro concelleiras doutros tantos municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade viaxarán na última semana de setembro a Mozambique para participar nun encontro da Rede de Mulleres Autarcas, integrada por edís e alcaldesas do país lusófono. Con elas intercambiarán experiencias para impulsar a participación das mulleres na política local e as políticas municipais a prol da igualdade.

As concelleiras de Igualdade de Lugo, Moaña e San Sadurniño, e mais a edil de Cultura do Concello de Verín exporán as dificultades que se atopan as políticas e as ferramentas para superalas, así coma o papel das mulleres como axentes de cambio no poder local ou o traballo municipal en xénero. Ana González Abelleira, María Ortega, Ana Breijo e Emilia Somoza, respectivamente, resultaron seleccionadas no proceso aberto para sumarse á iniciativa, que tamén as levará a visitar o proxecto a prol da saúde infantil e materna que a Fundaçao Encontro vén de concluír na provincia de Maputo co apoio do Fondo Galego.

A delegación, acompañada por persoal técnico da entidade, achegarase tamén ao municipio de Mandlakazi da man da súa alcaldesa e presidenta da Rede de Mulleres Autarcas de Mozambique, María Helena Correia, que no mes de marzo se entrevistou asemade coa Comisión Executiva e con distintas rexedoras galegas, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Mulleres. O obxectivo era achegarlles aos concellos socios a relevancia do traballo impulsado polo Fondo Galego para as persoas e colectivos dos países do Sur.

Por outra parte, a directora do Centro de Información á Muller do Concello de Ourense, Malena de Jesús, atópase desde principios de mes sobre o terreo como voluntaria do programa Vacacións con Traballo, destinado a persoal técnico das deputacións e concellos socios da entidade. Alí está a colaborar no fortalecemento da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, entre outras tarefas apoiando a organización deste intercambio de experiencias que se levará a cabo entre o 26 de setembro e o 1 de outubro.