Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-01-28

Encontro dixital con David Llistar para denunciar a anticooperación

O cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización solventará as dúbidas sobre 'Anticooperación, outra perspectiva da axuda humanitaria'. A cita online será este venres 31, de 12 a 14 horas, a través dos perfís de Facebook e Twitter do Fondo Galego.

David Llistar ante a sede do Fondo Monetario Internacional, en Washington.O cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización e autor do libro 'Anticooperación', David Llistar, ofrecerá un encontro dixital no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade este venres 31 de xaneiro baixo o título 'Anticooperación, outra perspectiva da axuda humanitaria', a fin de profundar sobre este concepto e solventar as posibles dúbidas das e dos internautas nesta materia.

A entrevista online será en directo e realizarase a través dos perfís de Facebook (facebook.com/fondogalego) e Twitter (@FondoGalego) da organización, de 12 a 14 horas. Durante a súa intervención, o autor do libro 'Anticooperación. Interferencias Norte-Sur', contestará as dúbidas que lle formulen as usuarias e usuarios, ben a través do perfil de Facebook do Fondo Galego, no espazo reservado a comentarios no post coa fotografía de Llistar que se publicará xusto ao comezo do encontro, ou ben, na conta de Twitter da entidade co hahstag #EncontroLlistar.

As persoas que non poidan  participar en directo no encontro poderán deixar as súas cuestións con carácter previo nos post relacionados co encontro publicados no Facebook, empregando o hahstag #EncontroLlistar no Twitter ou enviando ás súas preguntas a o correo fondogalego@gmail.com.

A escolla deste tema para esta entrevista online organizada polo Fondo Galego responde ás prioridades establecidas no programa de actuacións da entidade e que pasan, entre outras cuestións, por denunciar as prácticas de anticooperación que realizan certos actores que interveñen na axuda ao desenvolvemento e demostrar que existe outra forma de tender lazos cos países empobrecidos, dunha forma descentralizada, a través do establecemento de acordos con parceiros do Sur. Deste xeito, búscase pór en valor a cooperación a través de proxectos que funcionan, na súa medida, pero cuxos resultados poden verse arrasados por elementos estruturais de anticooperación.

Algunhas claves sobre o tema do encontro

Que é a Teoría da Anticooperación?
Trátase dun modelo que intenta analizar "o conxunto de interferencias negativas entre o Norte e Sur globais. Os conceptos de cooperación e anticooperación pódense aplicar a diversas dimensións: estados, grupos sociolóxicos, empresas, individuos, etc". Para explicalos é preciso transcender a axuda internacional e cuestionar ou visibilizar outros factores de índole mundial (intereses xeopolíticos, perda de biodiversidade, especulación alimentaria…), un conxunto de interaccións decisivas para establecer e avaliar as causas das profundas desigualdades existentes entre o Norte rico e o Sur empobrecido.

Cales son os seus obxectivos?
A grosso modo, investigar as causas, divulgalas e presionar aos actores que anticooperan.

Cantos tipos de anticooperación hai?
David Llistar define nove esferas que agrupan distintos mecanismos de anticooperación: comercial, financeira, militar, tecnoprodutiva, ambiental, desprazamento de persoas, simbólica, diplomática e solidaria.

Perfil profesional de David Llistar
É autor do libro 'Anticooperación. Interferencias globales Norte-Sur' (2009). Cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización (ODG*) da Càtedra Unesco de Sostenibilitat e profesor de Ecoloxía Política na Universitat Politècnica de Catalunya. Pasou os últimos quince anos traballando desde distintas ONGD, universidades, movementos sociais, países e gobernos (incluída a Axencia Catalana de Cooperación ao Desenvolvemento, ACCD, da Generalitat de Catalunya e a Secretaría Nacional de Planificación ao Desenvolmento, Senplades, do Goberno Ecuatoriano) en temas de cooperación ao desenvolvemento, xustiza  ambiental e económica global. Concentrou a súa actividade na 'impactoloxía' da economía española nos países do Sur e a análise da cooperación ao desenvolvemento desde a perspectiva da coherencia de políticas para o desenvolvemento.

*O ODG é un centro de investigación das interferencias Norte-Sur e da correspondente xeración de débedas contraídas entre comunidades durante o actual proceso de globalización.

Paper.li: http://paper.li/Superllisti/1331072411#
Twitter: @Superllisti

Encontro dixital con David Llistar para denunciar a anticooperación