Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-08-04

Entrevista á actriz Mariana Carballal no boletín 'Infórmate a Fondo'

A publicación trimestral dá conta dos novos proxectos en Cabo Verde e Nicaragua, das vindeiras Vacacións con Traballo e das aulas de fotografía social, entre outros temas.

A actriz Mariana Carballal, que ten colaborado co Fondo Galego e na actualidade reside en Ecuador, protagoniza 'A ollada externa' do último boletín dixital 'Infórmate a Fondo'. Con ela falamos sobre o teatro social, o humor en tempos difíciles, o recoñecemento ás mulleres, o crowdfunding, as migracións ou a realidade do Sur.

O novo IAF ábrese cun resumo dos proxectos de cooperación que se están a realizar en Cabo Verde e Nicaragua grazas a unha achega extraordinaria do Concello de Vigo. O obxectivo é loitar contra a pobreza extrema mediante o fomento de alternativas económicas, apoiando unha cooperativa de mulleres no primeiro caso e impulsando o turismo rural comunitario no segundo.

A supervisar e reforzar senllos procesos dedicaranse as dúas técnicas municipais seleccionadas para as Vacacións con Traballo deste ano, tal e como explica o IAF. Trátase de Emma Teixeira, técnica de Orientación Laboral no Concello de Pontevedra, que viaxará á Cámara Municipal de Ribeira Grande no arquipélago africano, e de Estela Iglesias, técnica de Comunicación e Turismo no Concello de Allariz, que vai colaborar co Instituto de Promoción Humana-Somoto no país centroamericano.

O número 134 faise eco asemade das clases maxistrais e os obradoiros de fotografía social impartidos por Gabriel Tizón e Rober Amado no marco do certame Imaxes con Fondo. Recolle tamén os avances nos proxectos financiados a ONGD galegas en países empobrecidos e  coméntanse as actividades de sensibilización que xa deron comezo en Galicia.

Os ciberencontros #Alén2015, a nova newsletter do Fondo Galego, a xuntanza do proxecto europeo en Lisboa e a xornada da Confederación de Fondos en Madrid centran as fotonovas, canda a presentación da Revista Galega de Educación dedicada á Educación para o Desenvolvemento ou a xira dos contos da Tropa de Trapo.