Aviso:

[Pechar}


Baiona 2014-11-27

Especialistas internacionais debaterán sobre o futuro dos Obxectivos do Milenio nas IX Xornadas do Fondo

- Representantes de Nacións Unidas, da Unión Mundial de Gobernos Locais ou  da Confederaçao dos Municípios Brasileiros reuniranse en Vigo o 10 de decembro.
- O Fondo Galego de Cooperación organiza no Día dos Dereitos Humanos este encontro no que tamén se entregarán os premios do certame Imaxes con Fondo.

Persoas expertas das Nacións Unidas, da Unión Mundial de Gobernos Locais ou da Confederaçao dos Municípios Brasileiros participarán nas IX Xornadas do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que se celebran en Vigo o vindeiro 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos. A Casa Galega da Cultura acollerá os debates sobre o horizonte que se abre tras os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio que marcan a folla de ruta da cooperación internacional entre os anos 2000 e 2015.

A presidenta do Fondo Galego e concelleira en Redondela, Teresa París, a vicepresidenta e concelleira en Vigo, Isaura Abelairas, e mais a tesoureira da entidade e concelleira en Allariz, Pilar Gallego, abrirán ás 9.30 horas o encontro '#Alén2015: Os Obxectivos do Milenio, fin e principios'. A continuación, o xefe da Oficina do Programa Mundial de Alimentos da ONU en Madrid, Antonio Salort, e mais Marta Pedrajas, asesora do Ministerio de Asuntos Exteriores, abordarán os resultados dos ODM e os procesos abertos para a axenda post 2015.

A directora da Rede Mundial de Cidades e Gobernos Locais e Rexionais, Sofía Hoeflich, o secretario do Fondo Galego e Tatiane de Jesus, asesora da Confederaçao Nacional dos Municípios Brasileiros, falarán logo do papel das autoridades locais no proceso que se encamiña cara os novos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Para rematar, David Llistar, fundador do Observatorio da Débeda na Globalización, e mais María Reimóndez, fundadora da ONGD Implicadas no Desenvolvemento, achegarán unha visión crítica desde o punto de vista da anticooperación e do feminismo.

No transcurso da mañá entregaranse asemade os galardóns do concurso fotográfico Imaxes con Fondo, dotado na categoría adulta cunha viaxe a Nicaragua para retratar os proxectos alí apoiados polo Fondo Galego e no apartado xuvenil cunha cámara réflex, entre outros premios. O acto terá lugar ás 12.30 horas na sala de exposicións, que entre os días 9 e 11 de decembro alberga a mostra 'Galicia-Cabo Verde: unha irmandade' coas fotografías tomadas no país africano por Rober Amado, gañador da primeira edición do certame.

As IX Xornadas de Cooperación do Fondo Galego, con acceso libre e de balde, retransmitiranse por streaming e poderán seguirse ademais en Twitter co hashtag #XornadasFondo14. A actividade encádrase no Plan de Sensibilización da asociación municipalista, que conta co apoio da Xunta de Galicia.

Obxectivos do Milenio 2000-2015
Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio son oito metas prioritarias que os estados membros da ONU fixaron no ano 2000: erradicar a pobreza extrema e a fame, acadar a educación primaria universal, promover a igualdade entre os xéneros e a autonomía da muller, reducir a mortalidade infantil, mellorar a saúde materna, combater a sida e outras enfermidades, garantir a sostibilidade do medio e mais fomentar unha alianza global para o desenvolvemento. O prazo para acadalos remata no 2015 e ata o de agora o seu grao de cumprimento é moi variable, pese ao compromiso adquirido polos países para adoptaren medidas e aplicar esforzos e recursos co fin de conseguilos.

Programa das IX Xornadas