Aviso:

[Pechar}


A Coruña 2014-05-21

Estréanse na Coruña e Ferrol as clases maxistrais de fotografía social impartidas por Gabriel Tizón

- A actividade desenvolverase en nove concellos no marco do concurso Imaxes con Fondo, convocado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
- O fotoxornalista Rober Amado realizará outros sete obradoiros en centros educativos para que o alumnado cree o seu propio proxecto fotográfico.

O Centro Cívico 'Os Mallos' acolleu a primeira master class de Gabriel Tizón.As clases maxistrais de fotografía social impartidas por Gabriel Tizón e promovidas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nos seus concellos socios estréanse esta semana na Coruña e Ferrol. O Centro Cívico 'Os Mallos' acolle hoxe a actividade na cidade herculina, mentres que mañá terá lugar na vila ferrolá a partir das 18.30 horas, na Aula de Fotografía situada no Centro Cultural Universitario de Esteiro. A proposta encádrase na segunda edición do concurso Imaxes con Fondo, coa idea de promover a participación e mais a reflexión sobre os contidos das imaxes e o mundo que constrúen.

Baixo o título 'Compromiso coa mirada', as sesións parten da análise de traballos realizados en diferentes países e na nosa contorna, para avaliar logo como, cando e ata onde se pode chegar coa cámara na vida das persoas. Alén de nocións básicas sobre composición, tratarase de educar a mirada para destacar o motivo da fotografía e o seu obxectivo, amais de propoñer novos soportes expositivos. Terase en conta a visibilización de diferentes realidades e onde comeza o compromiso da autora ou autor con elas.

Máis de 60 persoas asistiron á sesión e participaron activamente no debate.Gabriel Tizón ten experiencia en catro continentes e a súa obra foi recoñecida con diversos galardóns. Formou parte do xurado da primeira edición de Imaxes con Fondo e na actualidade traballa para El País e distintas axencias de noticias. As súas clases maxistrais desenvolveranse en nove concellos socios do Fondo Galego, con público adulto e con estudantes de Bacharelato. A asociación municipalista promove ademais sete obradoiros de fotografía social para alumnado de Secundaria, neste caso a cargo de Rober Amado, gañador de Imaxes con Fondo en 2012 e do premio Tiflos da ONCE.

Nestes obradoiros, que se realizarán principalmente en centros educativos, adestrarase o ollo fotográfico das rapazas e rapaces e amplíase o seu coñecemento tanto da arte da fotografía como da súa faceta documental. Proporciónanselle ademais as ferramentas técnicas e narrativas para que creen o seu propio proxecto fotográfico, contando unha historia a través das imaxes. Senllas actividades intégrase no Plan de Sensibilización 2014 do Fondo Galego, que conta co apoio da Xunta de Galicia.